sábado, 30 de septiembre de 2017

O Club Camaleón regresa en outubro

En outono, o camaleón volta á biblioteca tras gozar dunhas longas vacacións estivais. Paco Papán regresa cheo de ilusión e con moitas gañas de reencontrase cos seus amigos e amigas do club. Con eles e elas quere iniciar unha nova xeira de lecturas, xogos e actividades que se celebrarán na sala infantil da biblioteca o segundo sábado de cada mes de 12 a 13 h.
Como en cursos anteriores, o Club Camaleón vai ser unha actividade de balde dirixida a crianzas de entre 3 e 8 anos de idade acompañadas dun adulto. Impartida por unha monitora, os pequenos e pequenas participarán en xogos, traballos de plástica, conta contos, etc. que terán lugar unha vez ao mes ata o vindeiro mes de xuño.
Para inscribirse, os interesados e interesadas deberán dirixirse a BPM de Brión solicitando a alta na actividade de forma gratuíta, ben telefonicamente ou a través do correo electrónico. Serán necesarios un mínimo de 10 participantes para a realización da actividade. No caso de que a inscrición sexa numerosa, formaranse grupos atendendo a criterios de idade e agrupamento familiar.
Para máis información, contacta coa biblioteca a través dos medios habituais. Se queres coñecer a Paco Papán, o camaleón da BPM de Brión, e formar parte da súa cuadrilla, a que esperas? Únete xa ao seu club! 


0 comentarios :

Publicar un comentario