FONDO


Segundo os datos da última estatística oficial de Bibliotecas, referidos a decembro de 2011, a biblioteca municipal conta con 11547 rexistros organizados en diferentes seccións, que permiten un acceso rápido e doado a tódolos seus fondos. A primeira de todas é a Sección de MONOGRAFÍAS, cos volumes clasificados por materias, e onde poderás atopar obras de case tódalas disciplinas do saber, dende Filosofía, Ciencias Sociais, Matemáticas, Física ata Literatura ou Historia, divididos a súa vez en dúas subseccións correspondentes a Lingua galega e Lingua castelá.

O acceso á lectura como ferramenta para o lecer está garantida coa Sección de LITERATURA, que dispón dunha gran variedade de obras de narrativa, teatro e poesía, tanto en Lingua galega coma en Lingua castelá.

Mención destacable merece a Sección de OBRAS DE CONSULTA E REFERENCIA, situada nas salas de estudo e traballo, cunha importante selección de enciclopedias, dicionarios, anuarios, atlas e obras temáticas ilustradas, de recente adquisición.

Atendendo ás idades, noutra sala especializada e na sala principal atópase a SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL, coas últimas novidades para os máis cativos, e para os que non o son tanto.

Mención especial merece a nova COMITECA, unha sección de recente creación que reúne, organizados por temáticas, unha colección de Banda Deseñada composta por 260 exemplares de cómics infantís e para adultos.

Tamén existe unha sección de AUDIOVISUAIS E MULTIMEDIA, onde se pode atopar audiovisuais e material multimedia, como películas cinematográficas, documentais, música e CD-Rom multimedia, cunha especial atención ao público máis novo.

A biblioteca dispón de expositores cunha selección de publicacións periódicas, composta por:

Prensa diaria:
La Voz de Galicia, El Correo Gallego, El Mundo e El País.

Semanarios:
Tierras de Compostela.

Suplementos de prensa:
El Cultural, Mujer de hoy, Pantalla, El País semanal

Revistas:
Leer, O ollo público, Revista de Defensa, Altamira, + Cultura, Biblio diversidad, Praza das Letras, Longa lingua, Biblos: clube de lectura, Círculo de Lectores