Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

miércoles, 29 de abril de 2015

Próxima lectura do club: "Desayuno en Tiffany's"

Despois de ler “Erros e Tánatos”, dez relatos de Gonzalo Navaza publicados en 1996, de seguido pasamos á narrativa do xornalista e escritor norteamericano Truman Capote, do que imos ler a novela “Desayuno en Tiffany’s” 
Esta obra novela conta a amizade entre a protagonista, Holiday ("Holly") Golightly, e un narrador anónimo que quere ser escritor. Ambos os dous son inquilinos dun edificio no Upper East Side de Manhattan. Holly Golightly é unha rapaza de Texas duns vinte anos que se introduciu na vida da alta sociedade saíndo con homes maiores con cartos. Golightly pouco a pouco revélalle a súa personalidade ao narrador. Ao mesmo tempo descóbrese a súa imposibilidade ou falta de desexo por cambiar.
Unha obra que comentaremos o vindeiro 20 de maio na próxima reunión do club de lectura. Como sempre, ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

sábado, 25 de abril de 2015

Presentacións literarias a cargo de María López Sández e Mariña Pérez Rei no Día do Libro

O 23 de abril, Día Internacional do Libro é una data que se celebra anualmente coa idea de fomentar a lectura, a edición e os dereitos de autor. Unha efeméride que as bibliotecas celebran dun xeito moi especial, programando actividades de difusión arredor do libro e a lectura. A BPM de Brión en colaboración coa Casa da Cultura conmemoraron o Día do Libro 2015 celebrando dúas presentacións literarias e un espectáculo conta contos, este último dirixido aos máis pequenos da casa.


viernes, 24 de abril de 2015

"A maleta da avoa" chega á biblioteca para celebrar cos máis pequenos o Día do Libro

Dentro das actividades programadas para conmemorar o Día do Libro 2015, a biblioteca pública municipal de Brión organizou un serán conta contos a cargo de Raquel Queizás, que presentou o espectáculo “A maleta da avoa”. Unha divertida sesión con historias dirixidas a nenos e nenas maiores de 3 anos de idade, con obxectos e monicreques.

Esta actividade foi patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia e celebrouse na sala infantil da biblioteca municipal cunha asistencia duns 26 persoas, entre nenos e adultos. 
 

jueves, 23 de abril de 2015

Semana Mundial da Inmunización, descubre na biblioteca como funciona o sistema inmunolóxico

Con motivo da Semana Mundial da Inmunización, que se celebra do 24 ao 30 de abril, e do Día Internacional da Inmunoloxía (29 de abril), a B.P.M. de Brión colabora co Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo, coa Sociedade Española de Inmunología (SEI) e coa Fundación Dr. Antonio Esteve na difusión de información arredor da Inmunoloxía.
Grazas a estas institucións e a Dna. África González Fernández, catedrática da Universidade de Vigo, a biblioteca dispón de tres exemplares da obra “Los misterios del sistema inmunitario: Cómo proteger nuestro cuerpo”, un libro publicado orixinalmente en 2008 que nace da man da Sociedade Xaponesa de Inmunoloxía co obxectivo de axudar aos rapaces de entre 10 e 14 anos a entender mellor o funcionamento do sistema inmunolóxico. A edición española foi presentada o pasado 26 de abril de 2014, despois de aparecer no ano 2009 a edición en inglés baixo o título de “Your amanzing immune system”.
Os exemplares atópanse no expositor de novidades da biblioteca, dispoñibles para consultar en sala ou retirar en préstamo domiciliario.

"Cóntame un contiño" celebra unha sesión bilingüe en linguaxe de signos

“Cóntame un contiño” é una actividade de animación á lectura que se celebra os xoves de 18:00 a 19:00 h. de xeito quincenal na biblioteca municipal. Organizada pola ANPA Rosalía de Castro da escola unitaria de Os Ánxeles, está dirixida a nenos/as de entre 3 e 8 anos de idade. O xoves 23 de abril celebrou unha nova sesión conta contos cunha orixinal posta en escena.
Coa idea de familiarizar aos máis pequenos coa linguaxe de signos, a popular historia de “Carapuchiña Vermella” tomou vida en formato bilingüe. Mentres que os participantes atendían a narración falada, simultaneamente puideron ver como se empregaba a linguaxe de signos para transmitir a mesma historia nun xeito de comunicación que permite a comunicación ás persoas con discapacidade auditiva.
Antes de iniciarse a narración, os nenos/as recibiron unha sinxela explicación de como funciona esta linguaxe, que permite a persoas con discapacidade auditiva comunicarse. Unha orixinal e interesante proposta que combinou educación e lecer.

jueves, 16 de abril de 2015

Erros e Tánatos de Gonzalo Navaza, vindeira lectura do club

Despois de ler “Arthur e George”, unha novela do autor británico Julian Barnes, regresamos á narrativa patria para afrontar una nova lectura. Neste caso trátase dun conxunto de dez relatos escritos polo galego Gonzalo Navaza, cunha prosa breve, limpa, directa e chea de sentido do humor. 

Falamos de “Erros e Tánatos”, un título que se converte na vindeira lectura do club. Reunirémonos para comentalo o vindeiro martes 28 de abril. Coma sempre, ás 20:30 h. na biblioteca municipal