Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

jueves, 28 de noviembre de 2013

84, Charing Cross Road, vindeira lectura do club.

Despois de ler e comentar “As mágoas do mozo Werther” cambiamos completamente de rexistro e pasamos a unha lectura contemporánea: “84 Charing Cross Road” da autora estadounidense Helene Hanff.
Publicado por primeira vez en 1970, a obra narra os 20 anos de correspondencia da escritora con Frank Doel, o principal vendedor de Marks & Co., unha libraría londiniense, do cal ela dependeu para conseguir os escuros clásicos e os títulos da literatura británica. Chegou a estar intimamente relacionada coas vidas do persoal da tenda, enviándolles comida durante a escaseza da posguerra e compartindo con eles os detalles da súa vida en Manhattan.

A autora:

Naceu en Philadelphia, Pensilvania, no ano 1916 e finou en New York en abril de 1997. De formación autodidacta, iniciou a súa carreira literaria escribindo obras de teatro e, máis adiante, guións para a televisión, libros infantís, ensaios históricos e políticos e colaboracións no New Yorker e Harper's. A fama chegoulle despois de publicar “84, Charing Cross Road”, que inspirou unha película protagonizada por Anne Bancroft e Anthony Hopkins.

A obra:

En outubro de 1949, Helene Hanff, unha nova escritora descoñecida, envía unha carta dende Nova York a Marks & Co., a libraría situada no 84 de Charing Cross Road, en Londres. Apaixonada, maniática, extravagante e moitas veces sen un duro, a señorita Hanff reclámalle ao libreiro Frank Doel volumes pouco menos que imposibles de localizar que tranquilizarán a súa insaciable sede de descubrimentos. Vinte anos máis tarde, continúan escribíndose, e a familiaridade converteuse nunha intimidade case amorosa.


Para comentar o líbro, reunirémonos o vindeiro mércores 11 de decembro.
Como de costume, ás 20:30 h. na BPM de Brión. Ata entón, boas lecturas.

jueves, 21 de noviembre de 2013

O importante papel das bibliotecas na sociedade

O Parlamento Europeo na Declaración Escrita 0016/2013 (rexistrada o 7 de outubro de 2013) recoñece os servizos esenciais ofrecidos polas bibliotecas públicas nas comunidades de toda a UE, ofrecendo oportunidades para a aprendizaxe permanente, a inclusión social / dixital e vías para o emprego (baseada nun novo estudo publicado en marzo 2013).

Esta Declaración pon de relevo o facto de que as bibliotecas públicas non só achegan a cultura e os libros, se non que ofrecen beneficios educativos, sociais e económicos a 100 millóns de usuarios das bibliotecas de todos os Estados membros da UE.

Mediante esta Declaración pídese á Comisión “que recoñeza os servizos fundamentais que as bibliotecas públicas ofrecen ás comunidades locais e aos grupos desfavorecidos no referido á inclusión dixital, integración social, á aprendizaxe permanente e íos itinerarios cara ao emprego, así como a función que desenvolven estes servizos contribuindo á consecución dos obxectivos da UE”

Ata o día 7 de xaneiro de 2014, está aberto o prazo para solicitar dos eurodeputados que asinen esta Declaración, e -se contar co apoio do 50% dos deputados- o texto será adoptado polo Parlamento Europeo e remitido á Comisión Europea que debe dar unha resposta á solicitude.

ANABAD-Galicia, como Asociación integrada en FESABID, e esta biblioteca apoia esta campaña e anima a todos os bibliotecarios, usuarios de bibliotecas e público en xeral, a que se dirixan aos deputados españois para solicitarlles o apoio desta importante iniciativa co fin de aproveitar ao máximo esta oportunidade.

Na seguinte ligazón, http://www.wdpubliclibraries.eu/Spain/ pódese encontrar os seguintes documentos:

Declaración Escrita do Parlamento Europeo 9916/2013
Plantilla da carta para enviar aos eurodeputados
Relación de eurodeputados españois e os seus e-mails de contacto

Pódese seguir a campaña nas redes sociais:

Facebook: https://www.facebook.com/WDpubliclibraries
Twitter: https://twitter.com/CivicAgendaEU

Grazas pola vosa colaboración!

Fonte: ANABAD

Ligazón

jueves, 7 de noviembre de 2013

Campaña solidaria con Samuel

A Biblioteca de Brión colabora nunha iniciativa solidaria a prol de Samuel, un neno compostelá de 10 anos que sufre distrofia muscular de Duchene. Por iniciativa de Inés, unha usuaria da biblioteca, dispomos na sala dunha caixa onde depositar tapóns de plástico para reciclaxe que serán destinados a unha causa concreta: a compra dunha grúa e un tratamento de hidroterapia para Samuel.

Se queres participar nesta iniciativa, diríxete a biblioteca ou a Casa de Cultura de Brión para depositar os tapóns desas botellas que desbotas para reciclar. Tamén podes acudir neste mes de novembro á Feira de Brión, os días 9 e 23, das 11 ás 14 h. no Centro Comercial Monte Balado. Alí atoparás un posto moi especial de “Libros solidarios” onde poderás colaborar comprando libros novos e usados para todas as idades. A totalidade do recadado será destinada a Samuel

Máis información en: matibascorner.blogspot.com

Tapóns e envases válidos e non válidos

Club de lectura: "As mágoas do mozo Werther" de Goethe

Despois de ler a "Novela de xadrez" de Stephan Zweig, continuamos con outro autor en lingua alemá, neste caso todo un clásico, Johann Wolfgang von Goethe. Nado en Frankfurt en 1749 e finado en 1832, foi novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar.

Se cadra, "Fausto" é a súa obra máis coñecida, máis nesta ocasión imos ler outro dos seus títulos máis significativos: "Die Leiden des jungen Werther" traducido ao galego como "As mágoas do mozo Werther", unha novela epistolar publicada por primeira vez en 1774.

O autor:

Fillo de Johann Caspar Goethe, un avogado que se retirou da vida pública e educou os seus fillos el mesmo, baixo a máxima de non perder o tempo no máis mínimo, e de Katharina Elisabeth Textor, filla dun antigo burgomaestre de Frankfurt. Estes vencellos familiares puxéronlle en contacto desde o principio co patriciado urbano e a vida política.

De altas capacidades e provisto dunha enorme e enfermiza curiosidade, fixo practicamente de todo e chegou a acumular unha omnímoda cultura. Primeiro estudou linguas, aínda que as súas inclinacións ían pola arte e nunca, ao longo de toda a súa vida, deixou de cultivar o debuxo; á vez que escribía os seus primeiros poemas, interesouse por outras ramas do coñecemento como a xeoloxía, a química e a medicina.

Cursou Dereito en Leipzig e Estrasburgo, á vez que escribía os seus primeiros poemas; Katharina von Klettenberg, amiga de súa nai, introduciuno no misticismo relixioso pietista. Trasladado a Estrasburgo, coñeceu alí a Friederike Brion, que lle inspirou a caracterización da maioría das súas personaxes femininas, e trabou amizade co filósofo Johann Gottfried von Herder, cuxos Discursos á nación alemá tanto influíron no Romanticismo alemán.

O propio Goethe narrou a súa vida nun libro autobiográfico, Poesía e verdade, así como na novela parcialmente autobiográfica As mágoas do mozo Werther.

  A obra

As mágoas do mozo Werther foi un dos libros máis lidos e máis influentes do seu tempo. Novela epistolar na que abrollan as paixóns e o mundo interior do ser humano, a obra de Johann Wolfgang von Goethe inclúese no período estético coñecido como Sturm und Drang e leva á literatura unha concepción da escritura que reflicte a expresión máis espontánea, afastada das normas clásicas. Con ela, a narrativa ábrelle as portas á expresión directa dos sentimentos e as emocións.


Werther, un artista novo de temperamento sensible e apaixonado, diríxese de xeito epistolar ao seu amigo Guillermo. Nestas cartas, Werther revela datos íntimos da súa estanza no pobo ficticio de Wahlheim (baseado na cidade de Garbenheim), onde queda encantado polas tradicións simples dos campesiños. Werther foxe da banalidade e a incomprensión da súa cidade natal cando chega a Walheim, nun baile coñece e namórase de Lotte (forma hipocorística de Charlotte), unha fermosa moza que coida os seus irmáns despois da morte da súa nai. Desafortunadamente, Lotte xa está comprometida con Albert, un home once anos maior ca ela. Werther cultiva unha amizade íntima con Charlotte e Albert a pesar da pena que esta relación lle produce, pena que finalmente o leva a abandonar Walheim para dirixirse a Weimar intentando esquecer a Lotte. Alí coñece a Fräulein von B. Werther sofre unha gran pena ao decatarse da voda de Lotte e Albert.

Para comentar a obra reunirémonos o 27 de novembro ás 20:30 h. Como sempre o lugar escollido será a BPM de Brión

Fontes: Wikipedia e outras.