Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 22 de marzo de 2013

Nova reunión do Club Camaleón

Os piratas chegaron esta tarde a biblioteca de Brión da man do Club Camaleón. Mellor dito a pirata, porque arribou unha simpática bucaneiro de auga doce e salgada, acompañada pola súa inseparable mascota, que nesta ocasión non era un papagaio, senón un intrépido polbo aventureiro.

Con ela chegaron as historias de aventuras e unha arca do tesouro. Tamén as pinturas e os pinceis, ferramentas coas que materializar os soños sobre o cartón con vivas cores que nada teñen que envexar as do noso camaleón.
Divididos en dous grupos, que participaron en quendas consecutivas, os nenos e nenas integrantes do club volveron a xuntarse para xogar e gozar coas historias dos libros que custodia fielmente o camaleón que habita na biblioteca.

Os pequenos, de idades comprendidas entre os tres e os seis anos, pasárono en grande acompañados polos seus familiares e as monitoras que supervisan a actividade, organizada de xeito conxunto pola biblioteca e o Departamento de Mocidade e Voluntariado de Brión.

 
Aproximadamente dentro dun mes haberá unha nova xuntanza do Club Camaleón, con máis propostas lúdicas e educativas onde a animación á lectura se combina con diversión e entretemento. Un club no que hai inscritos 28 participantes e que sigue aberto a quen queira incorporarse. Queres ser ti o seguinte? 

jueves, 21 de marzo de 2013

"Todo é silencio" de Manuel Rivas, vindeira lectura do club

Tras “Crime en Compostela” de Carlos G. Reigosa continuamos a nosa senda lectora da man dun dos autores máis recoñecidos do actual panorama literario galego e nacional: o coruñés Manuel Rivas. Xornalista de profesión, ten publicado numerosos libros de poemas, novelas, artigos e ensaios literarios. Está considerado pola crítica como un revolucionario da literatura galega contemporánea sendo el un personaxe comprometido coa súa terra e coa súa cultura.

Todo é silencio, unha novela sobre o contrabando

“Todo é silencio” foi publicada por Edicións Xerais en outubro de 2010 e acadou o premio de narrativa da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) en 2011. Tamén nese ano comezou a rodaxe da adaptación cinematográfica da obra, con guión de Gerardo Herrero, dirixida por José Luis Cuerda e coa participación de Quim Gutiérrez, Ángel Silvestre e Celia Freijeiro.

Argumento:

En Noitiá, na costa atlántica, houbo un tempo en que as redes do contrabando, reconvertidas ao narcotráfico, alcanzaron tanta influencia que estiveron moi preto de controlalo todo: o poder social, as institucións, a vida das súas xentes.

Fins, Leda e Brinco exploran a costa á busca do que o mar bota tras algún naufraxio, o mar é para eles un espazo de continuo descubrimento. O destino destes mozos estará marcado pola sombra odiosa e fascinante a un tempo do omnipresente Mariscal, dono de case todo en Noitiá.

A narración segue a liña das anteriores novelas do autor. Está escrita en terceira persoa cun narrador omnisciente, e inclúe abondosas descricións. Parte da historia está baseada en feitos e personaxes reais, relacionados cos clans do contrabando e narcotráfico existentes no Salnés e o Barbanza, relacionados á súa vez con clans estranxeiros. Así mesmo, teñen bos contactos coa igrexa e coa xustiza.

A trama comeza a mediados da década de. A segunda parte comeza uns 20 anos despois, a mediados da década de 1980. Co paso do tempo vanse vendo as melloras tecnolóxicas usadas polos clans para comunicarse e para transportar a droga.

Para comentar esta obra reunirémonos o vindeiro 10 de abril ás 20:30 h.

lunes, 18 de marzo de 2013

Este venres, ven xogar co camaleón

Atención, camaleóns! O venres 22 de marzo, se pertences ao Club, estás convidado a asistir a unha nova sesión desta actividade de animación á lectura destinada a nenos e nenas de 3 a 5 anos de idade.
Como sempre, vai celebrarse en dúas quendas: a primeira das 17 ás 18 h. e a segunda das 18 ás 19 h. Non te esquezas de escoller a hora que máis che conveña.
Nesta ocasión, e con motivo das vacacións de Pascua, a actividade adiantase unha semana na data de celebración habitual, que sempre é o derradeiro venres de cada mes.

lunes, 4 de marzo de 2013

'Crime en Compostela', a vindeira lectura do club

Do humor e de crítica social do finés Arto Paasilinna pasamos a unha novela negra feita e ambientada en Galicia. Un clásico do xénero de intriga escrito por Carlos G. Reigosa na décasa dos oitenta: "Crime en Compostela", unha obra publicada en 1984 e que conseguiu o 1º Premio Xerais de Novela.

Nivardo Castro, que se autodefine como "aventureiro", investiga un asasinato acontecido en Santiago de Compostela, xunto ó seu amigo o xornalista Carlos Conde. Os dous compañeiros, que se coñeceran no seminario de Mondoñedo, redescobren a cidade: os seus persoeiros, os pubs e os monumentos. Está ambientado a principios dos anos 80, polo que ademais dos habituais personaxes alcólicos, típicos dos suburbios e clubs de alterne, ten presenza a xeración castigada polo abuso da heroína.

O autor do libro é licenciado en Ciencias da información e Ciencias políticas. Comezou a súa carreira xornalística en La Voz de Galicia. Redactor da axencia EFE desde 1974, foi o seu director de información (1990-1997) e director de publicacións (1997-2004). É autor de multitude de artigos de crítica literaria e teatral e de política internacional, publicados en xornais e revistas tanto españois como americanos. É profesor no Máster de Relacións Internacionais da Universidade Complutense de Madrid e no Máster de Xornalismo de Axencias da Universidade Rey Juan Carlos e a Axencia EFE

A reunión para comentar a obra vai ser o mércores 20 de marzo na BPM de Brión ás 20:00 horas.