sábado, 2 de decembro de 2017

O Concello de Brión presenta unha nova app móbil para comunicarse coa cidadanía

Brión, un concello comprometido dende sempre coas novas tecnoloxías, ven de por en marcha unha nova ferramenta para difundir a información municipal de interese entre toda a cidadanía. Falamos do novo servizo "Brión informa".

Trátase dunha útil ferramenta de comunicación baseada nunha aplicación para dispositivos móbiles que permite recibir no teléfono intelixente ou na tablet conectados á internet: anuncios, bandos, novas e información municipal de diversa índole, de xeito directo e inmediato. Asemade, calquera cidadán poderá transmitir ao concello incidencias, consultas ou propostas, de maneira rápida e sinxela, a través de texto complementado por imaxes e localización xeográfica. E todo isto, de forma gratuíta.

A app pode descargarse totalmente de balde na tenda de aplicacións de Google Play (buscar polo nome "Brión Informa") para os usuarios da plataforma Android ou na App Store (procurar "Bandomovil") para os dispositivos con IOS de Apple. Tamén, de xeito directo, escaneando co dispositivo móbil os códigos QR que se reproducen a pé de páxina.

Esta nova ferramenta tecnolóxica súmase á outra aplicación municipal de promoción turística xa existente, tamén dispoñible nos mencionados repositorios baixo a denominación "Concello de Brión". Nela, veciños e visitantes poderán acceder a unha completa guía con información sobre os principais atractivos turísticos do noso municipio, con datos de contacto, imaxes e localización e navegación xeográfica. Ademais conta cunha completa guía directorio de servizos municipais e de hostalaría.

Un novo xeito do concello de relacionarse coa cidadanía, unha maneira innovadora para que os veciños de Brión se comuniquen coa súa administración local.

Escanea os QR coa app dedicada do teu dispositivo móbil.

0 comentarios :

Publicar un comentario