Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 24 de junio de 2017

Horarios de verán da biblioteca: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o sábado día 1 e ata o luns 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario: 
Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada. (Dende o sábado día 1 de xullo)

viernes, 23 de junio de 2017

Estamos no verán!!!, espectáculo de Xoán Curiel para toda a familia

O venres 14 de xullo, a Carballeira de Santa Minia en Brión acollerá o espectáculo de Xoán Curiel “Estamos no verán”. O artista e a banda Son+d2 presentarán este proposta lúdica dirixida a público infantil e familiar, chea de música, historias, danza e coreografías que fan participar ao público e mergullan aos rapaces e rapazas nun soño de verán.
O espectáculo musical baséase na novela-CD editada por Galaxia que narra a historia duns amigos que no verán, queren formar un grupo de música. Un libro no que participa Charo Pita e que está acompañado das fermosas ilustracións de Iván R.
O espectáculo comezará ás 21 h. no antedito espazo, con acceso libre e de balde para todas e todos. Non faltedes!

Chega o verán acompañado dos contos de Celtia Figueiras


A animadora Celtia Figueiras regresou á Sala Municipal de Exposicións para presentar os seus “Contos de verán”, outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade, organizada pola BPM de Brión, estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. O serán contacontos comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. A asistencia de público non foi tan numerosa coma en anteriores sesións, probablemente debido á coincidencia en data cos festivais de fin de curso dos centros escolares.
Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 


 

jueves, 22 de junio de 2017

"Una historia de Nueva York" de Washington Irving, vindeira lectura do club

Despois de ler unha novela contemporánea, “El desorden que dejas” de Carlos Montero, afrontamos no club a lectura dun clásico da literatura estadounidense, o inesquecible Washington Irving.
Un salto no tempo e no espazo para viaxar ata 1809, á Nova York natal dun mozo escritor de apenas 30 anos que sorprendeu a todo o mundo coa publicación de “Una historia de Nueva York”, unha sátira onde os feitos e a ficción mestúranse ata volverse indistinguibles un doutro, é tamén unha elaborada farsa, se cadra unha das primeiras boubas literarias.
O autor narra unha historia das orixes de Nova York desapiadadamente aceda, dende a época na que a cidade levaba o nome Nova Amsterdam e estaba habitada polos colonos neerlandeses, é dicir, os antepasados de importantes familias neoiorquinas que atoparon ofensivas as burlas e caracterizacións presentadas no libro.
Con todo, entre tanta chanza hai tamén moita seriedade nesta Historia de Nova York. Washington Irving escribiu a obra nunha época en que a cidade enfrontaba unha crise de identidade e na que aínda non había moito material escrito sobre ela. O autor emprega o humor e a imaxinación, pero tamén forxa dun xeito notable e rigoroso a historia da primeira metade do S. XVII desta notoria cidade.

martes, 20 de junio de 2017

Contos de verán con Celtia Figueiras

O venres 23 de xuño regresa á biblioteca Celtia Figueiras con divertidas historias para dar a benvida ao verán. Unha estación que chega acompañada de moita calor e novos contos dirixidos a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade que a animadora vai narrar a partires das 18 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A entrada, como sempre, de balde ata completar aforo.
Un lugar fresquiño para escoitar as narracións destes “Contos de verán” outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano. Unha actividade organizada pola biblioteca co apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

sábado, 10 de junio de 2017

Trinketrinke trouxo á biblioteca aos Ratiños da caixa

O venres 9 de xuño os ratiños de TrinkeTrinke visitaron a biblioteca de Brión. O Rato máis grande trouxo nunha caixa tres ratiños máis novos moi trastes e desobedientes, e non lle quedou outra que aturalos. E para entretelos narroulles contos especiais para ratiños.
Historias que conformaron un entretido serán contacontos dirixido a público infantil de 3 a 9 anos de idade. Unha sesión de animación da biblioteca que se celebrou na Sala de Exposicións da Casa da Cultura por necesidades de espazo. O espectáculo comezou ás 18:00 h. e reuniu a aproximadamente 50 asistentes, entre nenos e pais, que gozaron cos divertidos contos de ratiños.
Esta actividade estivo organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Ligazón coa galería de imaxes da actividade.

viernes, 2 de junio de 2017

Os ratiños da caixa visitan a biblioteca de Brión

Os ratiños de TrinkeTrinke regresan á biblioteca de Brión. O Rato máis grande tráeos nunha caixa; pero, como os tres ratiños máis novos son moi trastes e desobedientes, tenos que coidar. Para entretelos vailles narrar contos especiais para ratiños, pero non é doado!
Se queres coñecer aos Ratiños da caixa e escoitar os seus contos, non te esquezas acudir o venres 9 de xuño á Sala de Exposicións Municipal, espazo onde terá lugar este divertido serán contacontos dirixido a público infantil de 3 a 9 anos de idade. A sesión comezará ás 18:00 h. e a entrada será de balde ata completar aforo.
Esta actividade está organizada pola biblioteca pública municipal co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

jueves, 1 de junio de 2017

O espectáculo "Chíos" de Teatro da Semente pecha a Feira do Libro-Maio Cultural 2017

Despois de case un mes cheo de actividades, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2017 chega á súa fin. As encargadas de pór o punto final á programación deste ano foron as integrantes de Teatro da Semente Raquel Queizás e Chus Álvarez que presentaron en Brión “Chíos”, un espectáculo dirixido aos nenos e as nenas da Escola Infantil Municipal.

Foi o mércores, 31 de maio, cando o Centro Social de Brión acolleu no seu espazo multiusos esta entretida función á que asistiron aproximadamente 80 pequenos e pequenas acompañados de mestres e mestras. “Chíos” é un espectáculo de poesía sensorial para bebés de 0 a 3 anos consistente nunha montaxe músico-teatral con cantigas, bailes, música, poemas visuais, xogos e estimulación olfactiva e táctil para os máis pequechos. 

Con esta actividade péchase por este ano unha programación lúdico-cultural que comezou o día 8 de maio e serviu para conmemorar en Brión o mes das Nosas Letras, este ano dedicado ao escritor e editor Carlos Casares.