LEMBRANZA:
O sábado 1 de abril a biblioteca pública municipal permanecerá pechada. Desculpen as molestias. Grazas.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

sábado, 17 de diciembre de 2016

Horario de apertura da biblioteca durante o Nadal

A biblioteca pública municipal de Brión vai modificar o seu horario de apertura nestas datas tan sinaladas. Ademais da festividade do día 6 de xaneiro, o centro permanecerá pechado os sábados 24 e 31 de decembro e 7 de xaneiro.
 
Entre os días 22 de decembro e ata o 5 de xaneiro, o horario de apertura será como segue:

     - Mañás, de 10:00 a 13:30 h.
     - Tardes, de 16:00 a 20:00 h.
 
 Moitas grazas e desculpen as molestias.

FELICES FESTAS E VENTUROSO 2017!!

jueves, 15 de diciembre de 2016

"Esplendor de Portugal" de António Lobo Antunes, vindeira lectura do club

Dende México damos un salto á outra veira do océano para acadar os cais lisboetas, onde desembarcamos na cidade de Pessoa na procura doutra destacada figura das letras portuguesas contemporáneas, o escritor António Lobo Antunes.
Xunto a José Saramago, Lobo Antunes é o outro gran autor portugués do S. XX, eterno candidato ao Nobel, que algún día, de seguro, acadará. En “Esplendor de Portugal”, a vindeira novela que imos ler no club, presenta a unha familia portuguesa composta por Isilda, a nai, que resiste illada na Angola post-descolonización; e os tres irmáns, Ruy, Clarisse e Carlos, que regresaron a unha metrópole á que non pertencen e que alimentan os seus odios e resentimentos mutuos.

Ficha do libro:


Título:  Esplendor de Portugal
Autor: António Lobo Antunes
Editorial: Madrid : Siruela, 2002
Descrición física: 393 p. ; 22 cm.

Materias:
Novela da vida cotiá, novela social e política


 

O escritor Eduardo Rojas participa na xuntanza do Club de lectura

Se na anterior reunión do club de lectura contamos coa presenza de Manuel Iglesias Turnes para comentar a súa última novela, nesta ocasión visitou a biblioteca municipal de Brión o autor mexicano afincado en Galicia Eduardo Rojas Rebolledo, que nos acompañou o pasado mércores, 14 de decembro, para charlar sobre a súa obra “La mujer ladrillo”.
Editada polo Fondo de Cultura Económica, a novela narra a historia de Milagro, unha muller que naceu cunha discapacidade severa nunha vila da rexión de Baja California. Segundo nos presenta a propia editorial, a trama, en harmonía co personaxe, posúe unha estrutura circular, o lector inicia e termina o seu percorrido co recordo da protagonista asasinada polo asfalto baixo a follaxe; é, sobre todo, nas páxinas intermedias onde o lector descubrirá poderosas estampas que descobren os momentos máis esenciais da narración. Instantes que, polas súas imaxes, provocan no que cruza as súas páxinas incomodidade, proído.
Eduardo tivo a xentileza de asistir á xuntanza e comentar connosco a lectura en común que fixemos os integrantes do club. Unha oportunidade única e irrepetible para coñecer de primeira man o proceso creativo dunha novela moi recomendable, chea de lirismo e imaxes poéticas que espertan as emocións do lector.
Dixo o escritor Alfredo Conde que “Eduardo Rojas Rebolledo escribe límpido e pulido, diáfano como o aire da Baixa California, o que te leva dende o mar por unha estrada á que os cactos lle cobren a carreira”. Unha prosa que convida a ler de vagar, gozando das evocadoras imaxes que nos trasladan aos territorios da memoria do propio autor.

Eduardo Rojas naceu na cidade de México en 1970. Estudou a licenciatura en Historia na Facultad de Filosofía y Letras, da Universidad Nacional Autónoma de México. É fundador de revista “Epitafios”, da cal foi coordinador editorial ata 1994. En 1996 foi nomeado codirector do suplemento "Revista Mexicana de Cultura", do xornal El Nacional; colaborou en “Excélsior”, El Nacional e nas revistas “Tierra Adentro” e “Etcétera”. En 1991 obtivo mención honorífica no Concurso “Punto de Partida”, polo fragmento da súa novela inédita “A doble llave”. De 1994 a 1995 foi bolseiro do “Instituto Nacional de Bellas Artes” no xénero de novela e, en 1995, obtivo a bolsa do “Fondo Nacional para la Cultura y las Artes para Jóvenes Creadores”. Actualmente está afincado na Galicia, onde cursou estudos de posgrao na Universidade de Santiago de Compostela.
Fonte: Ed. FCE

Eduardo na BPM de Brión con varias das integrantes do Club de lectura.

jueves, 1 de diciembre de 2016

Unha xuntanza do Club de lectura moi especial

O mércores 30 de novembro celebramos unha xuntanza moi especial do club de lectura. Despois de ler a novela “Que non tea aten”, publicada este ano en Edicións Xerais de Galicia, tivemos o gran privilexio de contar coa presenza do seu autor, Manuel Iglesias Turnes na reunión de posta en común desta experiencia lectora compartida.
Manuel acudiu amablemente ata a biblioteca pública de Brión para participar xunto cos integrantes do Club de lectura nun serán moi ameno e enriquecedor. Nel falounos da súa última creación literaria, unha obra que xa vai pola segunda edición. Ao longo da sesión tocáronse diferentes asuntos relacionados coa temática da obra, os personaxes e as súas relacións, o entorno social e laboral no que viven, etc.
Que non te aten” narra a historia de Marcos, un mozo que vive no rural galego e traballa na explotación leiteira familiar de cincocentas cabezas situada en Cabanas, unha parroquia aparentemente deserta de xente que non queda moi lonxe de Santiago (e de Brión). As relacións familiares e de parella, as rivalidades cunha granxa veciña, a situación social e económica do agro son temas que trata a novela e que resultan de vixente actualidade.
Unha lectura moi recomendable, diáfana e directa, escrita con devoción por alguén que coñece moi de preto a realidade que narra páxina tras páxina, que non é outra que a dun rural galego que loita por non desaparecer sendo fiel a si mesmo, axudado de modernos métodos empresariais que nada teñen que envexar aos nosos veciños europeos máis avanzados.
O amor, a familia, o traballo, a papel da muller, a violencia de xénero, etc... están presentes nunha novela que esperamos presentar aos veciños de Brión en poucos meses. Mentres, só queda agradecer a Manuel Iglesias Turnes a súa accesibilidade e amabilidade connosco; tamén o seu valioso tempo, que non dubidou en dedicarnos na reunión do club deste mércores. 

Manuel Iglesias Turnes (Cabanas, A Baña, 1950) desenvolveu a súa actividade profesional vinculada ao mundo da gandería, concretamente relacionada coa mellora xenética da raza Frisona, na variedade Holstein. Primeiro presidente da Fundación Afonso Eáns do Val do Barcala. Como narrador publicou as novelas "As rapazas de Xan" (Xerais, 2012) e "Que non te aten" (Xerais, 2016).   -Fonte: Ed. Xerais-