LEMBRANZA:
O sábado 1 de abril a biblioteca pública municipal permanecerá pechada. Desculpen as molestias. Grazas.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 22 de abril de 2016

Os Quinquilláns representan "Espantallo amigo" con motivo da celebración do Día do Libro no CEIP de Pedrouzos

O venres 22 de abril a compañía teatral “Os Quinquilláns” presentou no CEIP de Pedrouzos a adaptación teatral de “Espantallo amigo”, noveliña escrita polo recentemente finado Xosé Neira Vilas.
Un evento co que o centro de primaria brionés se suma ás actividades que estes días se están a organizar no concello con motivo da celebración do Día do Libro. Á representación teatral asistiu a totalidade do alumnado da escola, máis de 500 alumnos/as que gozaron de dúas funcións que remataron entre palmas e cunha sorpresa final.  O agasallo dun exemplar do libro “Espantallo amigo” que foi entregado a cada un dos rapaces e rapazas que asistiron como público.
Una iniciativa para conmemorar o día do libro e a lectura, lembrando asemade a un gran escritor como Xosé Neira Vilas. A homenaxe foi posible grazas a colaboración do Concello de Brión, a Editorial Galaxia, a ANPA Andaravía do CEIP de Pedrouzos e o propio centro.


jueves, 21 de abril de 2016

Carmen Domech presenta na biblioteca de Brión o seu "Contacontos de libros contentos"

Carmen Domech visitou a biblioteca municipal para presentarnos o seu “Contacontos de libros contentos”, un espectáculo de animación dirixido a nenos e nenas maiores de 4 anos. Carmen chegou coa súa maleta baixo o brazo. Nela, libros de todo tipo viaxan cargados de historias para contan a todos os nenos e nenas que atopan alí onde fan un alto no camiño.
O serán lúdico celebrouse o xoves 21 de abril, e comezou como estaba previsto, ás 18:00 h.,  prolongándose aproximadamente durante 50 min. Case 30 meniños e arredor de 15 adultos, asistiron ao espectáculo, que se celebrou na sala infantil da biblioteca municipal.

A actividade conmemora por adiantado a celebración do Día do Libro, o sábado 23 de abril, e foi programada pola biblioteca co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.


Nova lectura para o club: "O espertar" de Kate Chopin

Despois de ler “O faro escuro”, a novela escrita por María López Sández, damos un salto no espazo e no tempo para achegarnos a creación literaria doutra muller, a escritora norteamericana Kate Chopin.
Katherine O'Flaherty, que era o seu nome de solteira, naceu e St. Louis (Misouri) e a súa vida estivo sempre vinculada ao Sur de EE.UU. Precisamente en Nova Orleáns e na costa meridional da Luisiana está ambientada “O espertar” (The Awekening"), a novela que imos ler, publicada por vez primeira en 1899.
Kate Chopin é, sen dúbida, a primeira escritora norteamericana que se formou fóra da trama ideolóxica protestante e dos parámetros da historia cultural calvinista. A súa ascendencia francesa, a súa bilingüismo e biculturalismo conectárona directamente coa tradición literaria europea. As calidades estéticas e ideolóxicas da súa obra mostran unha sofisticación formal e un cosmopolitismo alleos á moral ou aos xuízos de valor convencionais.
A trama xira arredor de Edna Pontellier e a súa loita por reconciliar os seus puntos de vista, que se afastan progresivamente da ortodoxia sobre a feminidade e a maternidade coas actitudes sociais prevalentes do Sur no cambio de século. É unha das primeiras novelas estadounidenses que se centra en temas da muller sen condescendencia.

miércoles, 20 de abril de 2016

Manuel María, na túa voz

O sábado 23 de abril celebramos o Día do Libro, unha efeméride que a biblioteca conmemora homenaxeando a Manuel María, poeta e dramaturgo a quen se dedica o Día das Letras Galegas 2016.
Para facelo, queremos contar contigo. Porque podes participar lendo un texto do autor ou escoitar a quen o lea. Coñecerás tamén un pouco máis ao poeta grazas a unha foto biografía sobre o autor chairego.
Non te esquezas, participa connosco de “Manuel María, na túa voz” o sábado 23 ás 12:00 h. na biblioteca. Únete a esta iniciativa da Casa - Museo Manuel María e da biblioteca pública do Concello de Brión.

viernes, 15 de abril de 2016

Nova aplicación móbil para coñecer mellor o patrimonio cultural e servizos do Concello de Brión

O Concello de Brión ven de lanzar unha nova aplicación para dispositivos móbiles, compatible con teléfonos intelixentes (smartphones) e tabletas dixitais. O obxectivo desta “app” non é outro que converterse nunha ferramenta de promoción turística do Concello de Brión, que permita aos usuarios atopar toda a información sobre os principais atractivos turísticos que existen dentro do territorio municipal, permitindo a localización xeográfica e a visualización en imaxes dos mesmos en dispositivos móbiles dun xeito atractivo e sinxelo.
Baixo a denominación de “Concello de Brión”, a aplicación presenta un sinxelo menú estruturado en diferentes categorías:


  • Arquitectura arqueolóxica (castros, megálitos, etc.)
  • Arquitectura civil (pazos, pontes, fontes, etc.)
  • Arquitectura militar (Castelos)
  • Arquitectura relixiosa (Igrexas, capelas, cruceiros, etc.)
  • Patrimonio cultural
  • Patrimonio natural
  • Onde comer e onde durmir
  • Que facer (Festividades, exposicións, etc.)
  • Que ver (Cunha selección de lugares de interese destacados)
  • Servizos (Servizos municipais, sanidade, emerxencias, hostaleira, etc.)
En cada unha delas aparecen distintos lugares que podemos seleccionar para acceder aos contidos de xeito doado. Nas fichas individuais de cada elemento atoparemos datos de interese e imaxes dos lugares, xunto coa súa localización xeográfica, que ademais ofrece a posibilidade de navegar cara a eles grazas a “Google Maps”. O acceso aos contidos pode facerse por igual en galego e castelán, tan so debemos seleccionar a lingua preferida premendo na icona de configuración para cambiar o idioma do programa.
A aplicación xa está dispoñible para os usuarios de “Android” na tenda “Google Play” e tamén na “App Store” de “iOS”, para os posuidores dun dispositivo “Apple”. Unha vez descargada e instalada no dispositivo, podemos comezar a usala de xeito inmediato, sen máis requirimentos. Deseñada pola empresa “Sixtema” para o Concello de Brión, que administra os contido, a nova “app” convive a asemade con “Brión en Rutas”; outra interesante aplicación, na que tamén colabora o concello, que permite descubrir Brión a través de tres rutas con temáticas diferentes. Ámbalas dúas contaron co apoio económico da Deputación Provincial da Coruña.
Coa idea de mellorar este recurso na medida do posible, o Concello de Brión solicita a colaboración da veciñanza e usuarios da aplicación para que realicen suxestións de cara a solucionar carencias e corrixir erros. O contacto deberá realizarse a través do seguinte enderezo de correo:
 Porque todos podemos achegar o noso gran de area para mellorar un recurso que sitúa a Brión no mapa das novas tecnoloxías.


miércoles, 13 de abril de 2016

O "Observatorio de la Lectura y el Libro" pon en marcha a iniciativa #tribulectora.

O Observatorio de la Lectura y el Libro, pertencente á Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas del Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, ven de por en marcha unha iniciativa en Twitter coa etiqueta #tribulectora. 
Trátase dun concurso que estará activo dende o 13 ao 19 de abril e que convida a toda a cidadanía a enviar mensaxes dando as grazas a un libro que, pola razón que sexa, foi importante na súa vida lectora. Trátase dunha nova iniciativa enmarcada na campaña 23 Días “de libro” coa que, dende o pasado día 1 e ata o vindeiro 23 de abril, queremos reivindicar a importancia da lectura e contribuír á celebración do Día do Libro.
Participar é extremadamente sinxelo, só hai que enviar á nosa conta en Twitter (@observalibro) un chío no formato que se queira (texto, fotografía, vídeo, ilustración, etc.) co hashtag #tribulectora, incluíndo o título do libro ao que se quere dar as grazas e o porqué. Entre todas as mensaxes recibidas, o Observatorio seleccionará 3 finalistas, de entre os cales escollerá, por sorteo, o gañador final. Os finalistas recibirán un lote de libros, mentres que o gañador gozará, ademais, dunha visita personalizada e exclusiva, xunto a un acompañante da súa elección, polo Madrid máis literario e cervantino.
O concurso #tribulectora vén acompañado do lanzamento dun vídeo de promoción realizado polo Observatorio de la Lectura y el Libro cun dobre obxectivo: por unha banda, difundir esta iniciativa, e por outro, dar voz á comunidade de lectores. O vídeo recolle o “agradecemento lector” de 11 persoas anónimas que, ademais, decláranse membros da tribo lectora.
O vídeo pódese ver na Canle Cultura de YouTube. Tamén podedes atopar máis información sobre o lanzamento do concurso e do vídeo na seguinte ligazón.
Dende a B.P.M. de Brión animámosvos a participar no concurso, co desexo de que moita xente se una á tribo lectora.

jueves, 7 de abril de 2016

"O faro escuro" de María López Sández, vindeira lectura do club

Deixamos atrás intenso azul do ceo siciliano para meternos na brétema gris da Costa da Morte. Se viñamos de ler un caso do comisario Montalbano, “La pista de arena / A pista de area”, continuamos no xénero policial e de intriga, pero nesta ocasión da man da inspectora Neira, personaxe da última creación literaria da autora galega María López Sández.
Unha novela que a escritora lucense, residente no veciño Concello de Ames, presentou o pasado ano na Casa da Cultura de Brión. Unha historia que, baixo o título de “O faro escuro”, introduce ao lector no misterioso caso da desaparición dunha xornalista.
Comentaremos o libro na vindeira reunión do club de lectura, que celebraremos o mércores 20 de abril ás 20:30 h.

lunes, 4 de abril de 2016

En abril, un novo serán lúdico co Club Camaleón

O xoves 28 de abril Paco Papán, o camaleón que habita na biblioteca, convida a todos os nenos e nenas a participar nun novo serán lúdico do Club Camaleón. A sesión celebrarase, como de costume, na sala infantil a partir das 18:00 h., cunha duración aproximada de 60 min.
Como xa sabedes, o Club Camaleón é unha actividade dirixida a nenos de 3 a 8 anos de idade acompañados dun adulto. Nesta nova etapa o Camaleón regresa á biblioteca mensualmente, co único requirimento de inscribirse previamente na actividade.
Os interesados poden facelo dirixíndose a biblioteca municipal ou chamando ao teléfono 981 50 99 69 en horario de tarde (de 16 a 22 h.)

A biblioteca municipal celebrará o Día do Libro cun contacontos a cargo de Carmen Domech

O xoves 21 de abril a biblioteca municipal de Brión convida aos lectores máis pequenos a participar nunha actividade de animación dirixida a nenos/as a partir de 4 anos de idade. Trátase dun novo serán contacontos a cargo da animadora Carmen Domech que presentará na sala infantil “Contacontos de libros contentos”, un espectáculo de narración oral co que celebraremos unha data moi especial, o 23 de abril, Día do Libro.
Carmen virá acompañada dos libros da súa casa, que tolearon por completo. A cada un aconteceulle un suceso incrible e agora viaxan nunha maleta de acá para alá querendo contar a súa historia. Hainos de todo tipo: tímidos, divertidos, intrépidos, deliciosos; e cada un narra unha historia fantástica, pois de todo lles pasou.

O serán lúdico, que se prolongará aproximadamente durante 50 min., comezará a partir das 18:00 h. na sala infantil da biblioteca pública municipal. A entrada será de balde.