xoves, 1 de decembro de 2016

Unha xuntanza do Club de lectura moi especial

O mércores 30 de novembro celebramos unha xuntanza moi especial do club de lectura. Despois de ler a novela “Que non tea aten”, publicada este ano en Edicións Xerais de Galicia, tivemos o gran privilexio de contar coa presenza do seu autor, Manuel Iglesias Turnes na reunión de posta en común desta experiencia lectora compartida.
Manuel acudiu amablemente ata a biblioteca pública de Brión para participar xunto cos integrantes do Club de lectura nun serán moi ameno e enriquecedor. Nel falounos da súa última creación literaria, unha obra que xa vai pola segunda edición. Ao longo da sesión tocáronse diferentes asuntos relacionados coa temática da obra, os personaxes e as súas relacións, o entorno social e laboral no que viven, etc.
Que non te aten” narra a historia de Marcos, un mozo que vive no rural galego e traballa na explotación leiteira familiar de cincocentas cabezas situada en Cabanas, unha parroquia aparentemente deserta de xente que non queda moi lonxe de Santiago (e de Brión). As relacións familiares e de parella, as rivalidades cunha granxa veciña, a situación social e económica do agro son temas que trata a novela e que resultan de vixente actualidade.
Unha lectura moi recomendable, diáfana e directa, escrita con devoción por alguén que coñece moi de preto a realidade que narra páxina tras páxina, que non é outra que a dun rural galego que loita por non desaparecer sendo fiel a si mesmo, axudado de modernos métodos empresariais que nada teñen que envexar aos nosos veciños europeos máis avanzados.
O amor, a familia, o traballo, a papel da muller, a violencia de xénero, etc... están presentes nunha novela que esperamos presentar aos veciños de Brión en poucos meses. Mentres, só queda agradecer a Manuel Iglesias Turnes a súa accesibilidade e amabilidade connosco; tamén o seu valioso tempo, que non dubidou en dedicarnos na reunión do club deste mércores. 

Manuel Iglesias Turnes (Cabanas, A Baña, 1950) desenvolveu a súa actividade profesional vinculada ao mundo da gandería, concretamente relacionada coa mellora xenética da raza Frisona, na variedade Holstein. Primeiro presidente da Fundación Afonso Eáns do Val do Barcala. Como narrador publicou as novelas "As rapazas de Xan" (Xerais, 2012) e "Que non te aten" (Xerais, 2016).   -Fonte: Ed. Xerais-

1 comentarios :

Estuvo muy bien la reunión!! En esa foto falto yo,que llegué un pelín más tarde! Jeje gran escritor y gran novela.

Publicar un comentario