LEMBRANZA:
O sábado 1 de abril a biblioteca pública municipal permanecerá pechada. Desculpen as molestias. Grazas.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 30 de octubre de 2015

"El crimen del Padre Amaro" de Eça de Queiroz, vindeira lectura do club

Dende Galicia a Portugal. Porque despois de ler a Diego Ameixeiras, un escritor galego contemporáneo, de seguido imos achegarnos a un clásico da literatura portuguesa de finais do S. XIX, o grande Eça de Queiroz. Farémolo a través dunha das súa sobras máis coñecidas “El crimen del padre Amaro”, unha novela publicada en 1874 que denuncia a hipocrisía social e relixiosa que aínda hoxe sufrimos.

A acción desenvólvese na cidade de Leiría (na que o autor residiu durante un tempo). O crego Amaro Vieira, protexido da marquesa de Alegros, é destinado a unha freguesía da localidade. Hospédase en casa de Joaneira, unha muller xa de certa idade de quen se di que mantén relacións co cóengo Dias, antigo mestre do pai Amaro. A filla da Sao Joaneira, Amélia, namórase de Amaro. Ocorre un escándalo cando un coñecido, pretendente de Amélia, publica un artigo nun xornal aludindo á mala influencia dos sacerdotes sobre os devotos, á hipocrisía do clero e, indirectamente, aos seus malos costumes e as relacións entre sacerdotes e mulleres, insinuando o amor entre Amélia e o crego. As relacións da moza e Amaro continúan e chegan a facerse carnais. O sacerdote, completamente cínico, manipula á rapaza, inocente, para facerlle crer que iso é bo e é vontade divina, e que non se trata dun acto pecaminoso.

 Para comentar esta obra e poñer en común a nosa experiencia lectora, reunirémonos o día 25 de novembro ás 20:30 h. na biblioteca municipal.

viernes, 23 de octubre de 2015

"Catalina, Lino, Lina" celebrou connosco o Día das Bibliotecas

A B.P.M. de Brión celebrou o Día das Bibliotecas cunha actuación a cargo do grupo “Glup, Glup Teatro, que presentou na sala infantil da biblioteca a obra “Catalina, Lino, Lina”, un espectáculo teatral destinado a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 10 anos de idade. 
Catalina Lino Lina, farta de agardar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras. Unhas divertidas historias que a protagonista compartiu cos máis pequenos durante pouco máis de 45 min.
A representación comezou ás 17:30 h. A ela asistiron algo máis de trinta persoas, entre nenos e adultos acompañantes. Os pequenos interactuaron activamente con Catalina, participando con interesa nos contos e historias narrados pola rapaza que habita nos libros.
O espectáculo estivo organizado pola B.P.M. de Brión co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

martes, 20 de octubre de 2015

Únete en Twitter á campaña #Vivalabiblio

O Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, a través do Observatorio de la Lectura y el Libro, pon en marcha dende o luns 19 de outubro unha iniciativa en Twitter coa etiqueta #vivalabiblio para render homenaxe ás bibliotecas, con motivo do Día da Biblioteca, que se celebra o 24 de outubro.
A campaña estará activa ata o día 25 de outubro e anima aos usuarios/as a enviar un ou máis chíos a @observalibro coa etiqueta #vivalabiblio. Mensaxes breves nos que amosen o seu amor polas bibliotecas e/ou os bibliotecarios. Pode ser no formato que queiran (texto, foto, vídeo ou outros).
O vídeo que aparece á pé de páxina,  recolle os testemuños de 6 persoas anónimas explicando por que as bibliotecas son tan importantes nas súas vidas.
O vídeo podédelo ver no Canle Cultura de YouTube. Podemos atopar máis información sobre o vídeo na seguinte ligazón.

jueves, 15 de octubre de 2015

"Matarte lentamente" de Diego Ameixeiras, vindeira lectura do club

Iniciamos unha nova xeira do club de lectura lendo “Matarte lentamente”, unha novela do escritor e xornalista galego Diego Ameixeiras. Un libro editado por Xerais en 2013 que mestura a realidade cotiá e próxima guiada a través das tramas da novela negra e de intriga.
O autor articula nela un retrato coral, con distintas liñas argumentais, onde a acción avanza de xeito simultáneo, entrecruzando as diferentes historias. Todo isto, nunha paisaxe urbana familiar e nun tempo próximo cheo de vicisitudes nada alleas á realidade actual.
Citando fontes da propia editorial, “Matarte lentamente” consolida a liña de modernización radical da novela negra que Diego Ameixeiras abriu en novelas anteriores como “Dime algo sucio”, “Historias de Oregón” e “Todo OK”. Dosificación da información, economía expresiva, coidada estrutura de tramas e vidas que van encaixando coma un puzzle son características desta novela impresiónante e inesquecible que presenta con claridade problemas claves do noso tempo.
A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 28 de outubro. Como de costume, xuntarémonos na biblioteca a partir das 20.30 h. Estades todos/as convidados.

miércoles, 7 de octubre de 2015

Celebra connosco o Día das Bibliotecas con "Catalina, lino, lina"

O 24 de outubro as bibliotecas celebramos o noso Día Internacional, una efeméride que dende 1997 quere trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como lugar de encontro dos lectores de todas as idades coa cultura, a información e o lecer como instrumentos de mellora da formación e a convivencia humana.
Para conmemorar esta data, a biblioteca pública municipal de Brión convida a todos os seus usuarios, especialmente aos máis novos, a participar no espectáculo teatral “Catalina, lino, lina” a cargo de Glup, Glup Teatro. Unha obriña de teatro destinada a fomentar o amor polos libros e a lectura entre os nenos de 3 a 12 anos de idade.
A representación terá lugar o venres 23 de outubro ás 17:30 h., na propia biblioteca ou na sala de exposicións da Casa da Cultura.

"Teatro e... punto": o mellor teatro afeccionado regresa a Brión

O mellor teatro afeccionado regresa en outono a Brión a través do ciclo “Teatro e… punto”. Unha programación escénica que se inicia o vindeiro sábado 10 de outubro no Centro Social Polivalente coa representación da obra “Ismael e a balea branca”, a cargo da Escola de Teatro de Narón.
O sábado 24 de outubro será o Teleclube de Ons o que acolla no seu escenario a posta en escena de “Raíñas”, unha peza a cargo do grupo de teatro Oquetiqueiras.
Ámbalas dúas representacións comezarán ás 20:30 h., con estrada de balde ata completar o aforo da sala.