HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

martes, 31 de marzo de 2015

Actividades da biblioteca para abril, mes do libro e a lectura (Reeditado)

En abril, mes do libro e a lectura, a biblioteca municipal ten preparadas varias actividades para conmemorar unha data moi especial, o 23 de abril, na que se celebra a nivel mundial o Día do Libro. Por iso que, os días 23 e 24 de abril, non podes faltar a túa cita con algunha das propostas que che ofrecemos dende a biblioteca. 

Presentacións literarias con María López Sánchez e Mariña Pérez Rei

O xoves 23 de abril ás 20:30 h., a escritora María López Sández acudirá a Sala de Exposicións municipal para presentar “O faro escuro”, unha novela que acaba de ser publicada pola Editorial Galaxia. No acto estará presente a profesora Dolores Vilavedra.
O venres 24 de abril, a profesora do IES de Brión, Mariña Pérez Rei, presentará “Boca de gárgola”, un libro de poesía editado por Círculo Rojo. Unha obra en torno a Compostela que ven acompañada dunha exposición de imaxes do fotógrafo Martín Pérez Fernández que complementan os versos da autora. O acto comezará ás 20:30 h. na Sala de Exposicións da Casa da Cultura.

Teatro para celebrar o amor polos libros

O venres 24 de abril ás 17:30 h., Raquel Queizás descóbrenos “A maleta da avoa”, repleta de pequenos tesouros, na que vive a memoria entre libros, culleres, chapeus...  Un espectáculo de conta contos con obxectos e monicreques, para nenas e nenos a partir de 3 anos de idade. Esta actividade está patrocinada polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia. Celebrarase nun espazo aínda por concretar, que será a biblioteca ou a Sala de Exposicións da Casa da Cultura. O acceso será de balde ata completar aforo. Permanecede atentos a este blog e ao Twitter da biblioteca.

A Noite en branco da Magariños, música e arte na biblioteca (atrasada ao 8 de maio)

A ESMU Magariños de Brión organiza por segundo ano consecutivo “A noite en branco”, unha actividade consistente nunha serie de recitais itinerantes que percorrerán diferentes espazos escénicos do concello, como a propia escola, a biblioteca municipal, a Sala de Exposicións e o Centro Social Polivalente. A actividade, prevista inicialmente para o día 24 de abril, atrásase ao venres 8 de maio. Na biblioteca comezará arredor das 22:30 h. Como novidade deste ano, os recitais irán acompañados dun obradoiro de pintura do artista plástico noiés Alfonso Costa, que acompañado pola música, executará unha pequena obra pictórica en cada escala que realicen os intérpretes, tamén na biblioteca.

sábado, 28 de marzo de 2015

A biblioteca celebra o Día Mundial do teatro cun conta contos


O venres 27 de marzo a biblioteca municipal celebrou o Día Mundial do Teatro co “Misterio do pirata Benito Soto”, unha actividade de dinamización dirixida a nenas e nenos a partires de tres anos de idade. Unha historia de misterios homenaxe a Sir Arthur Conan Doyle e ao patrimonio galego, que mesturou a oralidade coa ilustración, interactuando cos pequenos a través dun obradoiro de debuxo.

O encargado deste divertido conta contos foi “Polo Correo do Vento”, un colectivo especializado en actividades de promoción da lectura, comprensión oral en galego e desenvolvemento da creatividade e expresión artística das nenas e nenos. O serán lúdico, organizado pola BPM de Brión a través do programa da Rede de Biblioteca de Galicia “Ler conta moito”, acadou unha elevada de asistencia, cunha participación de arredor de 50 persoas, entre nenos e país.

imaxe 1 imaxe 2

xoves, 19 de marzo de 2015

O 27 de marzo, resolve na biblioteca o misterio do pirata Benito Soto

O vindeiro 27 de marzo, a biblioteca municipal celebra o Día Mundial do Teatro, unha data conmemorativa creada en 1961 polo Instituto Internacional do Teatro (IIT).
Nesta efeméride especial, a biblioteca convídate a participar nunha actividade de animación para toda a familia, e especialmente dirixida a nenas e nenos de 3 anos en diante.
“Polo Correo do Vento” presenta na biblioteca “O misterio do pirata Benito Soto”, unha actividade de narración oral con historia de misterios, homenaxe a Conan Doyle e o patrimonio galego. Mestura a oralidade coa ilustración. Rematará cun obradoiro de debuxo de temática pirata. O serán comezará ás 17:30 h., con entrada de balde. A actividade, está subvencionada polo programa "Ler conta moito" da Xunta de Galicia.

xoves, 12 de marzo de 2015

"Arthur e Georges" de Julian Barnes, vindeira lectura do club

Despois de ler “La barraca”, de Vicente Blasco Ibáñez, abandónamos a “huerta” valenciana para dirixinos á Gran Bretaña vitoriana, sen deixar atrás o S. XIX. Non cambiamos de época na ambientación, pero si de estilo e narrador, porque agora imos ler un autor coetáneo, o británico Julian Barnes.

Escritor tres veces finalista do premio Booker polas obras “Flaubert's Parrot” (1984), “England, England” (1998), e Arthur & George (2005); esta última, a novela escollida como vindeira lectura do noso club. Tamén un recoñecido autor de novela policial baixo o pseudónimo de Dan Kavanagh.

“Arthur e George” conta a historia de dous homes que medran no esplendor da Inglaterra vitoriana, pero en mundos aparte: George, entre a rectitude moral dunha familia que exerce o sacerdocio nunha pequena aldea de Staffordshire. Tímido e feble, conseguirá formarse como avogado e traballar en Birmingham, mentres que o teimudo Arthur consultará como doutor antes de converterse en escritor e crear o máis famoso detective de todos os tempos, Sherlock Holmes. Barnes desenterra un escuro caso real que lle serve para introducirse nos pensamentos de dúas persoas moi distantes entre si, pero que comparten a mesma preocupación polo que significa a identidade, a nación e as aspiracións vitais. (Fonte Rinoceronte Editora)

A data de reunión fixámola para o mércores 8 de abril, como sempre ás 20:30 h. na biblioteca pública municipal.

martes, 10 de marzo de 2015

Comeza en Brión un ciclo de teatro afeccionado

O sábado 14 de marzo o Centro Social Polivalente acollerá a función inaugural de “Teatro… e punto”, un ciclo que ao longo dos meses de marzo, abril, maio e outubro, novembro e decembro traerá a Brión o mellor teatro afeccionado feito en Galicia.
A primeira representación correrá a cargo de “Badius”, compañía que presenta a obra “Frankenstein”. Será ás 20:30 h., no salón multiusos do mencionado centro social, con entrada de balde ata completar aforo.
O sábado 28 de marzo, o grupo de teatro “A Pombiña” achegarase ata o Teleclube parroquial de Ons coa función “O xardín dos pobres”. A representación teatral comezará ás 20:30 h. con entrada de balde para todos os asistentes ata completar aforo.
Este ciclo de teatro amador volverá en abril, con novas e atractivas propostas que acudirán a súa cita, con puntualidade, o segundo e cuarto sábado de cada mes, no centro Social Polivalente de Pedrouzos (Brión) e no Teleclube de Ons.