Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

lunes, 21 de septiembre de 2015

A biblioteca municipal pecha os días 25 e 26 de setembro

Con motivo da popular Romaría de Santa Minia, a biblioteca pública municipal vai pechar os días 25 e 26 de setembro.
Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e convidamos a todos os usuarios a visitar a Carballeira e participar das numerosas actividades que están programadas ao longo das tres xornadas de celebración.

lunes, 14 de septiembre de 2015

Xoán Curiel presenta en Brión "Estamos no verán"

Xoán Curiel presenta en Brión “Estamos no verán”, un espectáculo baseado no seu libro-disco do mesmo título publicado pola Ed. Galaxia. O evento celebrarase na Praza do Concello o vindeiro venres 18 de setembro ás 18:00 h.
O serán musical está dirixido a nenos/as de 5 a 12 anos, e moi recomendado para toda a familia. Trátase dun espectáculo enerxético no que os rapaces e rapazas van gozar bailando os seus ritmos. Acompañan a Xoán Curiel (Guitarra eléctrica, ukelele e voz), Jara Ortiz (Voz), Marta Alonso Tejada (Danza), Carlos Freire (Batería), Alberte Rodríguez (Baixo eléctrico) e Alex Salgueiro (Teclados).
A entrada é de balde. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao salón multiusos do Centro Social Polivalente.

martes, 8 de septiembre de 2015

Os Bolechas viaxan coa máquina do tempo ata Brión

O venres 11 de setembro ás 19:00 h. o Centro Social Polivalente de Brión acolle o espectáculo “Os Bolechas na máquina do tempo”, unha entretida función para todos os públicos onde esta divertida familia creada por Pepe Carreiro propón a nenos e maiores unha actividade que mestura o teatro cun concurso.
Como nos adiantan os Bolechas na súa páxina web, o espectáculo comeza co descubrimento dun estraño aparello que resulta ser… unha máquina do tempo! Alguén terá que estreala pero todos teñen medo así que rífano e tócalle a Carlos e a Pili probar a estrambótica máquina. Os dous métense nela e os outros irmáns comezan a premer botóns para mandalos ao futuro: van saír feitos uns mozos! E así é. A máquina do tempo funciona!
Carlos e Pili non queren ser maiores; teñen as pernas e os brazos moi longos e a cabeza moi grande… e a Carlos mesmo lle saíu barba. Agggg! Queren usar a máquina de novo para volver a ser nenos. Pero entón aparece o dono do aparato, o doutor Apolodoro, un científico tiruleco ao que non lle gustan nada os cativos e non quere que Pili e Carlos volvan a ser nenos… Os Bolechas van a precisar de todo o público para regresar ao presente.
O obxectivo desta proposta lúdica e didáctica, que mestura o formato de monicreques con actores reais, é achegar aos nenos nocións básicas de Historia, dun xeito ameno e divertido, empregando a Lingua galega, a través dun formato que fomenta a participación. O espectáculo, que se prolongará aproximadamente durante unha hora, é gratuíto para todos os asistentes ata completar aforo. Está patrocinado polo programa FalaRedes da Xunta de Galicia.