Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

miércoles, 29 de julio de 2015

Horarios de verán da biblioteca: mes de agosto

No mes de agosto a biblioteca municipal de Brión adapta de novo as horas de apertura á tempada estival. Dende o día 3 e ata o 31 de agosto, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 09:00 a 14:00 horas.
Polas tardes e os sábados, a biblioteca permanecerá pechada.

viernes, 17 de julio de 2015

Aviso: Modificación do horario da biblioteca na semana do 20 ao 24 de xullo

Por necesidades do servizo, na semana do 20 ao 24 de xullo, a biblioteca pública municipal abrirá as súas portas unicamente en horario de mañá: de 10:00 a 13:30 h. O mércores 20 de xullo, farao de 10:00 a 12:00 h.

Aos nosos usuarios, desculpas polas molestias ocasionadas e moitas grazas pola súa comprensión.

miércoles, 8 de julio de 2015

Exposición sobre Manuel María no Centro Social de Brión

Con motivo da celebración do X Encontro coa Arte, unas xornadas de convivencia artística e creativa que se celebraron en Brión os días 19, 20 e 21 de xuño, o escritor Manuel María foi a figura das nosas letras que inspirou aos artistas participantes nesta recoñecida actividade.
Poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta e académico da Lingua galega, Manuel María finou en 2002 deixando tras de si unha longa xeira creativa, caracterizada polo seu compromiso político coa lingua, cultura e a sociedade galegas. Unha traxectoria que vai ser recoñecida en 2016 no Día das Letras Galegas, significativa data que se dedicará a homenaxear a súa figura.
Un merecido recoñecemento ao que Brión se adiantou no Encontro coa Arte: Lembrando a Manuel María. Dentro das actividades programadas nas mencionadas xornadas destaca unha exposición dedicada ao autor que dende o 20 de xuño e ata o 26 de xullo de 2015 pode visitarse no Centro Social Polivalente. Trátase da exposición “Manuel María, palabra viva” amablemente cedida para esta ocasión pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” 
Unha mostra que percorre a vida e obra de Manuel María en 25 paneis de 75x53 cm. Citando a presentación da propia institución: “Os paneis constan de imaxes, textos do propio autor e dunha breve introdución. Estrutúrase en tres grandes grupos temáticos: o que trata aspectos da súa biografía, o que informa sobre a súa obra e os temas da mesma e un último grupo, que dá conta das homenaxes e recoñecementos que recibiu Manuel María”. Unha oportunidade única para coñecer ao poeta da Terra Chá antes que ninguén, adiantándose ás celebracións e homenaxes que viviremos dentro dun ano.

lunes, 6 de julio de 2015

II Festival Monecadas, os monicreques regresan á carballeira

En xullo, os monicreques regresan á Carballeira de Santa Minia da man do Festival Monecadas, unha actividade organizada por Titiriteiros da Comarca e o Concello de Brión.
O festival, previsto para os días 10, 11 e 12 de xullo, traeranos unha función por día que se representará ao aire libre. O festival comeza o venres ás 21:00 h. coa obra “A guerra das Galicsias” , a cargo de Títeres Cachirulo. Trátase dunha divertida aventura interplanetaria do século XXI inspirada nas aventuras galácticas do século XX e nas tradicións máxicas, astrolóxicas, culturais e gastronómicas da nosa terra.
O sábado 11 de xullo, ás 20:00 h., Títeres Alakrán presentan “Barrigaverde ataca de novo”, onde Borja Ínsua achégase á mítica obra que popularizou por todo o país José Silvent e faino ao vello estilo: cun único manipulador e a empregar a palleta que lle outorga aos bonecos a súa característica voz.
O domingo 12 de xullo, ás 13:00 h., A xanela do Maxín representará a función “Titeremusicontos”, unha interesante combinación de elementos onde vistosos monifates daranlle vida a contos tradicionais con raposos, galos ou persoas como protagonistas.
Todas as representacións celebraranse na Carballeira de Santa Minia, con entrada libre para nenos e adultos, novos e vellos, altos e baixos… Porque para asistir, so é necesario querer pasar un entretido serán cheo de diversión a esgalla para toda a familia. Non faltedes!