En agosto e setembro a biblioteca adapta de novo o seu horario á tempada estival. Consultao premendo nesta ligazón.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 29 de mayo de 2015

Charo Pita na gardería municipal con “Triquitraque- Traquetriqui”

Palabras, trabalinguas, historias, algún silencio, libros, xogos co corpo, cancións de arrolo, sons sorprendentes, e todo un triquetraque (ou un trocatriqui) para que os que dormen no berce tamén poidan gozar coas historias de Charo Pita. Unha vella coñecida da Feira do Libro que presentou un conta contos o venres, 29 de maio, na Escola Infantil municipal de Brión.
Un espectáculo dirixido aos meniños da gardería que pecha por este ano a XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015. Unha programación cultural que estará de volta dentro dun ano, cando comece maio e con el o mes das Nosas Letras.

jueves, 28 de mayo de 2015

En verán, regresa o Club Camaleón

Paco, o camaleón que habita na biblioteca, proponche novas e divertidas actividades para este verán. Se tes entre 4 e 10 anos de idade e estás empadroado en Brión, xa podes inscribirte no Club Camaleón.
Do 22 ao 30 de xuño e do 1 ao 8 de setembro o camaleón proponche participar en xogos de animación á lectura que se celebrarán na biblioteca municipal. Serán todas as tardes de 17:30 a 18:30 h. na sala infantil, e estarán abertos ata un máximo de 10 nenos/as por grupo.
Poderás inscribirte ata unha semana antes da celebración da actividade na biblioteca ou na Casa da Cultura de Brión. O prezo da inscrición é de 10 € cada unha das semanas. Para máis información, podes contactar cos tfnos. 981 50 99 69 ou 981 50 99 08.

miércoles, 27 de mayo de 2015

A XXV Feira do Libro-Maio Cultural 2015 presentou un espectáculo de Baobad Teatro e un recital de Yolanda Castaño

A XXV Feira do Libro-Maio Cultura 2015 afronta a súa derradeira semana con máis actividades. O luns 25 de maio, Baobab Teatro presentou no Centro Social a obra “Contos para un caldiño” Un espectáculo dirixido a alumnos/as de 1º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos que convida ao público a escoitar e a deixarse levar polos contos e polos obxectos visuais que se presentan.

O mércores 27 de maio, o Centro Social Polivalente acolleu o “Espectáculo poético, recital multimedia” a cargo da coñecida escritora Yolanda Castaño. Un recital onde a autora explora novas formas de recitar a súa obra poética, achegándose ao multimedia, con efectos de son e proxeccións vídeo. O espectáculo estivo dirixido a alumnado do IES de Brión.

O venres 29 de maio Charo Pita pechará a programación cunha actividade dirixida aos nenos/as da Escola Infantil Municipal, que se celebrará na propia gardería. 


sábado, 23 de mayo de 2015

Contacontos con Inacio Vilariño e "A Nave Catrineta"

Inacio Vilariño presentou o venres 22 de maio na B.P.M. de Brión o espectáculo conta contos “A Nao Catrineta”. Un divertido serán cheo de historias nas que se mesturan saberes tradicionais, cancións, contos populares e o romance histórico da Nao Catrineta.

Á sesión conta contos, que estibo dirixida a nenos/as maiores de tres anos, acudiron uns 18 meniños acompañados por 14 adultos. A actividade celebrouse, como ven sendo habitual, na sala infantil da biblioteca. Comezou pasadas as 17:30 h. e estendeuse aproximadamente unha hora.

 A sesión de animación, organizada pola biblioteca municipal dentro da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, contou co patrocinio do programa de dinamización lectora “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

jueves, 21 de mayo de 2015

"El ruído y la furia" de William Faulkner, vindeira lectura do Club

Tras ler a Truman Capote, escollemos para a vindeira lectura do club outro destacado autor norteamericano: William Faulkner, Premio Nobel de Literatura en 1949. Novelista, xornalista e poeta, Faulkner é un dos grandes escritores da Literatura americana do S. XX.
Nesta ocasión imos ler “The Sound and the Fury” (traducido ao castelán como “El ruído y la furia”), a cuarta novela deste autor, publicada en 1929. Narra a decadencia e destrución final dunha vella liñaxe familiar do tradicionalista sur de Estados Unidos, dende o punto de vista dos últimos sobreviventes dexenerados da devandita familia. Os Compson, protagonistas da decadencia familiar, son presentados nas voces de tres dos seus membros e de Dilsey, a serventa negra, considerada como da familia pola cantidade de anos que leva ao lado deles.

A reunión para comentar o libro celebrarémola o mércores 17 de xuño ás 20:30 h. Como de costume, na biblioteca municipal.

Elefante Elegante presenta "Lobo Bobo" na Feira do Libro-Maio Cultural de Brión

Que acontecería se o lobo do conto de Carapuchiña se fixese vexetariano? Que pasaría se a Madrasta de Branca de Neve se convertera nun dos Tres Porquiños por mirarse tanto no espello máxico? A resposta a estas cuestións descubrírona os nenos e nenas de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos e das escolas unitarias de Educación Infantil de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña que acudiron ao espectáculo “Lobo Bobo” presentado por Elefante Elegante Teatro.

As funcións celebráronse o xoves 21 de maio no espazo multiusos do Centro Social. Os pequechos do CEIP de Pedrouzos acudiron ás 10:15 h. e os meniños de Bastavales, Luaña e Os Ánxeles ás 12 h. Neste espectáculo, incluído na programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015, Gonçalo Guerreiro mestura os contos de sempre para crear unha nova historia na que conviven o cómico e o poético co teatro xestual e a música.

miércoles, 20 de mayo de 2015

Alvaro Murás e Martín Camiña presentan o espectáculo "MaxicoSons" no IES de Brión

Esta mañá, a aula de usos múltiples do IES de Brión acolleu o espectáculo “MaxicoSons”, unha función de maxia con música en directo, a cargo do músico Álvaro Muras e o ilusionista Martín Camiña.
A actividade, que forma parte da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 organizada pola Casa da Cultura-BPM de Brión, comezou ás 11:20 h. e estivo dirixida aos alumnos de 1º Ciclo da ESO do instituto brionés. Os rapaces e rapazas gozaron moito cos trucos de maxia executados con humor e acompañados de música en directo.

Inacio Vilariño presenta o venres un contacontos na biblioteca

Dentro da programación da XXV Feira do Libro-Maio Cultural 2015 a BPM de Brión presenta o contacontos “A Nave Catrineta”, a cargo de Inacio Vilariño. Trátase dun divertido serán con monicreques e música que narra a historia dunha familia de lavandeiras insidiada polo demo de pelo azul Cobillón. Nesta historia mestúranse saberes tradicionais, refráns, cancións, contos populares e o romance histórico da “Nao Catrineta” para contar unha historia na que finalmente o demo sae escaldado.
Esta sesión contacontos está dirixida a nenos/as maiores de 3 anos. Celebrarase o venres 20 de maio ás 17:30 h. na sala infantil da biblioteca, con entrada libre ata completar o aforo. O serán está patrocinado polo programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

lunes, 18 de mayo de 2015

Música e poesía na Feira do Libro de Brión con Aldaolado

Continúa a programación de actividades da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015. Nesta ocasión, un grupo de alumnos do IES de Brión asistiron no espazo multiusos do Centro Social a un recital poético diferente.
Aldaolado, nome artístico de Lucía Aldao e María Lado, sorprendeunos agradablemente co seu espectáculo “Con dez poemas por barba”, un entretido serán con música en directo, xogos, historias e moita poesía. O recital comezou ás 11:20 h. e prolongouse, aproximadamente, durante 50 minutos.

miércoles, 13 de mayo de 2015

Brión celebra as Letras Galegas con varias actividades

O sábado 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, a entorna da Carballeira de Santa Minia e o Centro Social Polivalente van acoller varios actos e actividades conmemorativas desta data tan significativa, incluídos na programación especial “Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015”
As 20 h. , no espazo multiusos do Centro Social, a Banda Municipal de Música de Brión invita a todos os veciños e visitantes ao Concerto Literario conmemorativo do Día das Letras Galegas. Un recital que combina música e literatura para celebrar a festa das nosas letras.
O día 16 de maio de 1978 a compañía Teatro Antroido representou a obra “Laudamuco, señor de ningures”, de Roberto Vidal Bolaño; función que é considerada, xunto coa “d'O velorio”, de Francisco Taxes, unha das impulsoras dun teatro nacional galego que tentaba ser profesional. Para conmemorar esta data, na Carballeira de Santa Minia, diante da estatua de Roberto Vidal Bolaño, realizarase unha lectura de textos teatrais do autor e algunha que outra sorpresa.
Dende as nove da mañá, os afeccionados ao deporte terán unha cita coa II Andaina Terras de Altamira-Brión, que este ano repite tres itinerarios combinados que suman un total de 50 km de marcha pedestre a través das fermosas sendas brionesas. A Carballeira de Santa Minia será lugar de de saída e punto de paso para os tres aneis que compoñen a proba.
Un sábado de actividades culturais e deportivas para festexar no mes das Nosa Letras a Lingua e Literatura que sitúan a Galicia no mundo.

lunes, 11 de mayo de 2015

"Palabras percuDitas" para os alumnos do CEIP de Pedrouzos

Charo Pita e Javier Fernández presentaron diante dun grupo de alumnos de segundo ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos o espectáculo “Palabras percuDitas”. Unha función que combinou música con narración oral, onde diferentes instrumentos de percusión axudaron ás palabras a tomar forma propia a través do ritmo.

Unha entretida sesión que comezou ás 12 h., prolongándose durante aproximadamente cincuenta divertidos minutos. O espazo multiusos do Centro Social Polivalente foi o lugar escollido para realizar esta actividade, que forma parte da programación da XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 organizada pola biblioteca municipal e a Casa da Cultura de Brión.

lunes, 4 de mayo de 2015

XXV Feira do Libro de Brión-Maio Cultural 2015 (Editado)

Dende hai nada menos que 25 anos a Feira do Libro de Brión acode puntual a súa cita coa promoción do libro e a lectura. Cada maio, mes no que celebramos a gran festa das nosas letras, a Feira do Libro-Maio Cultural presenta unha programación cultural especialmente dirixida aos veciños máis novos, ofrecendo unha variada oferta lúdica-educativa consistente en conta contos, recitais, música e teatro.  Este ano, a Feira do Libro-Maio Cultural quere seducirnos cun completo programa que se vai estender ata ben entrado o mes de xuño. Presentámolo a continuación:


 

 VENRES, 8 DE MAIO

“A Noite en Branco” da ESMU Magariños. Unha serie de recitais de música en diferentes espazos escénicos: Escola de Música, biblioteca, Casa da Cultura, Salón de Plenos, Centro Social, etc.;  organizados pola Escola de Música Municipal. Comezarán ás 22 h. no mencionado centro.

LUNS, 11 DE MAIO

Charo Pita e Javier Fernández presentan “Palabras percuDitas”. Unha actividade dirixida a alumnos/as do 2º Ciclo de Educación Primaria do CEIP do Pedrouzos. Celebrarase ás 12 h. no Centro Social Polivalente.

SÁBADO, 16 DE MAIO

Na véspera do Día das Letras Galegas, varias actividades realizaranse ao longo da xornada:
-Celebración da data fundacional do Teatro Profesional Galego, con lectura de textos de Roberto Vidal Bolaño diante da súa escultura na Carballeira de Santa Minia.
-Concerto Literario da Banda de Música de Brión conmemorativo do Día das Letras Galegas 2015. Ás 20 h. no Centro Social Polivalente de Brión. Entrada de balde.
-II Andaina Terras de Altamira Brión

LUNS, 18 DE MAIO

Aldaolado presenta en Brión: “Con dez poemas por barba”, un actividade dirixida a alumnos/as do IES de Brión. Ás 11:20 h. no Centro Social Polivalente.

MÉRCORES, 20 DE MAIO

Álvaro Muras presenta o espectáculo “MaxicoSons, una aventura entre libros”. Para alumnos/as do IES de Brión. Celebrarase ás 11:20 h. na Aula de usos múltiples do IES de Brión.

VENRES, 22 DE MAIO

-O grupo Os Quinquilláns presentan “Por que é salgada a auga do mar?”. Dirixida a alumnos/as de 3º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Comezará ás 12 h. no Centro Social Polivalente.
-Inacio Vilariño presenta “A Nao Catrineta”. Un conta contos para nenos/as a partir de 3 anos de idade. Iniciarase ás 17:30 h. na Biblioteca Pública Municipal. A entrada será libre.

SÁBADO, 23 DE MAIO

O grupo teatral O Aturuxo de Melpómene presenta “Desencaixad@s” . Ás 21 h. no Teleclube de Ons. Entrada de balde ata completar aforo.

LUNS, 25 DE MAIO

Baobab Teatro presenta “Contos para un caldiño”. Unha divertida obriña para alumnos/as de 1º Ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos. Comezará ás 12 h. no Centro Social Polivalente.

MARTES, 26 DE MAIO

Elefante Elegante presenta “Lobo Bobo”. Un conta contos para alumnos/as das Escolas de Luaña, Os Ánxeles e Bastavales (11 h.) e de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos (13 h.).

MÉRCORES, 27 DE MAIO

Yolanda Castaño presenta o seu “Espectáculo poético, recital multimedia” dirixido a alumnos/as do IES de Brión. Celebrarase no Centro Social Polivalente.

VENRES, 29 DE MAIO

Charo Pita presenta “Triquitraque-Traquetriqui” unha actividade de dinamización para os nenos/as da Escola Infantil Municipal.

DO 13 DE MAIO AO 12 DE XUÑO

Marcelino de Santiago “Kukas”, na súa faceta de artista plástico, inaugura na Sala de Exposicións Municipal unha mostra de pintura.O acto celebrarase o día 13 de maio ás 20:30 h. no mencionado espazo municipal.

Un ano máis, a Feira do Libro de Brión-Maio Cultural está organizada pola Casa da Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Brión, coa colaboración dos centros educativos do municipio e o apoio dos programas “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.