xoves, 23 de outubro de 2014
"As rapazas de Xan" de Manuel Iglesias Turnes, vindeira lectura do club
Comezamos unha nova xeira no club de
lectura da man do autor barcalés Manuel Iglesias Turnes e a súa primeira
novela, “As rapazas de Xan”. Unha historia que nos fala de amor nos
difíciles tempos da posguerra, pero tamén una emocionante novela coral,
como a define Pablo Vaamonte García un dos prologuistas xunto a Suso de
Toro, onde se describe o complexo tecido de relacións humanas nunha
aldea galega nuns tempos de pobreza e emigración.
luns, 20 de outubro de 2014
GaliciaLe, un servizo de prestado de contidos dixitais, xa dispoñible nas bibliotecas públicas
Aos usuarios/as da biblioteca que gozan coa lectura en calquera soporte, sexa nun libro tradicional ou en formato dixital, temos que darlle unha excelente nova. Dende hoxe está dispoñible para todos/as o servizo “GaliciaLe”, unha plataforma do libro electrónico das bibliotecas públicas galegas que ten por obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á lectura neste formato.
“GaliciaLe” vai proporcionar un servizo de préstamo temporal de obras en formato dixital de temáticas diversas no que os intereses de todas as persoas lectoras terán o seu espazo (ficción, informática, historia, ocio etc.) e todas as idades o seu lugar.
En "GaliciaLe" o lector atopará dous catálogos: un que contén o “Catálogo do libro electrónico en galego” e outro que aloxa o “Catálogo do libro electrónico en castelán”. Os libros incluídos nestas dúas contornas poderán lerse en dispositivos compatibles: tabletas, teléfonos móbiles, ordenadores persoais e lectores de libros electrónicos.
"GaliciaLe" é unha plataforma impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Ministerio de Cultura que xa está dispoñible a través da túa biblioteca pública. Se precisas máis información ou axuda diríxete á biblioteca municipal.
xoves, 9 de outubro de 2014
Obradoito gratuíto de clown con Fran Rei e Pedro Brandariz
O Concello de Brión e o programa de dinamización lingüística da Xunta de Galicia “Falaredes” propóñenche a actividade gratuíta “Obradoiro de Clown”. Un taller impartido por Fran Rei e Pedro Brandariz de “Os sete magníficos mais un” que vai ter lugar os venres 10, 17 e 24 de outubro de 2014.
Consiste en sesións de tres horas e media máis a demostración final de fin de curso. Está dirixido a mozos/as maiores de 16 anos, cun máximo de 25 alumnos, que poderán tramitar a inscrición na Casa da Cultura de Brión totalmente de balde.