Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 21 de febrero de 2014

Fotoxornalismo 2013: unha mirada á realidade cotiá a través da fotografía de prensa

Dende o 21 de febreiro e ata o 5 de marzo a Sala de Exposicións de Brión acolle una nova proposta artística. Trátase da mostra “Fotoxornalismo 2013” da Asociación de Prensa da Coruña, coas imaxes galegas mais destacadas do ano. Unha interesante exposición promovida pola Deputación da Coruña que agora podemos gozar en Brión.

Son imaxes que ilustraron as novas máis destacadas que se publicaron entre finais de 2012 e a maior parte de 2013. Vinte fotografías doutros tantos fotógrafos que se achegan a todos os campos da actualidade dende diferentes miradas e distintos estilos.

lunes, 17 de febrero de 2014

Ven escoitar os contos do Esquío Ernesto na biblioteca [Editado]

No alto de Rañalonga, no piñeiro máis grande que hai, vive Ernesto, un esquío moi aventureiro. O que máis lle gusta a Ernesto son dúas cousas: unha, sentar pola tarde na súa póla favorita ao sol do inverno e roer unha noz. Outra é contarlle a todo o que estea disposto a escoitar as marabillosas historias das súas viaxes polo mundo adiante.

Ernesto, ao longo da súa vida, percorreu os cinco continentes e ten milleiros de historias que contar. Si queres gozar delas, o vindeiro sábado 1 de marzo non faltes á cita que temos na biblioteca co esquío Ernesto. Un serán contacontos que comezará ás 12:15 h. e rematará ás 13:00 h. Unha actividade gratuíta pensada para nenos a partir de 3 anos con gañas de escoitar divertidas historias. Non podes faltar!! Esperámoste na biblioteca pública municipal de Brión.

jueves, 6 de febrero de 2014

"Grandes esperanzas" de Charles Dickens, próxima lectura do club [editado]

Despois de ler “El invierno en Lisboa”, una novela do recoñecido escritor español Antonio Muñoz Molina, damos un salto espazo-temporal para viaxar ata a Inglaterra da segunda metade do S. XIX para encontrarnos coa obra do universal e inesquecible Charles Dickens. Concretamente cunha das consideradas como máis grandes e sofisticadas novelas asinadas por este famoso escritor, “Great Expectations” (traducida como “Grandes esperanzas”), obra publicada entre 1860 e 1861. Unha novela que imos ler e comentar no club de lectura ao longo de febreiro.



 O autor

Charles John Huffam Dickens naceu en Portsmouth, Inglaterra, o 7 de febreiro de 1812 e finou en Gads Hill Place o 9 de xuño de 1870. Mestre do xénero narrativo, a súa obra destacou pola aguda crítica social, combinada con doses de humor e ironía, acompañados dunha minuciosa descrición de xentes e lugares. A súa propia experiencia vital fixo que coñecera as duras condicións de vida das clases sociais máis humildes, algo que nunca esqueceu e sempre denunciou en moitas das súas obras. “Oliver Twist”, “Un conto de Nadal”, “David Copperfield”, “Historia de dúas cidades” ou “Grandes esperanzas” foron so algunhas das grandes creacións que o converteron nun dos autores máis destacados da súa época.

A obra

Narra a historia de Pip un orfo que describe a súa vida dende a nenez á madurez, tratando de converterse nun home de nobreza ao longo da súa vida. A historia podería considerarse coma unha semi-autobiografía do propio autor, algo que tamén sucede en outras das súas obras. A trama desta historia comeza na véspera do Nadal de 1812, cando o protagonista tan so ten sete anos, ata o inverno de 1840. Un relato que reflicte as complicadas relacións humanas, unha marabillosa novela de aprendizaxe cunha maxistral galería de personaxes que bosquexan un retrato de época ao tempo que reflexiona sobra as constantes da condición humana.
Para comentala reunirémonos o mércores 12 de marzo ás 20:30 h. na BPM de Brión.

sábado, 1 de febrero de 2014

O Camaleón regresa á biblioteca

A partir de febreiro o Club Camaleón regresa á biblioteca. Dende o día 10, xa podes inscribirte nesta actividade de animación á lectura dirixida a nenos, nenas e camaleóns de entre 3 e 8 anos de idade, acompañados dun adulto.

O segundo e cuarto venres do mes, de 18 a 19 horas, os nenos e nenas inscritos participarán en diferentes e divertidas actividades como xogos, conta contos, obradoiros, etc. que se celebrarán na BPM de Brión. A cota de participación vai ser de 10 € por trimestre, e necesitaremos un mínimo de 10 persoas para formar grupo. O primeiro período de funcionamento estenderase de marzo a maio.


Se queres anotarte, podes facelo a partir do 10 de febreiro, ben persoalmente ou por teléfono na biblioteca municipal (Tfno.: 981 50 99 69) ou na Casa da Cultura de Brión (Tfno.: 981 50 99 08).

Porque cando les, noi hai cor... camaleón!