Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

miércoles, 18 de diciembre de 2013

XVIII Festival de Títeres de Brión

Unha programación clásica do Nadal brionés é o Festival de Títeres, que todos os aninovos divirte a grandes e pequenos a través do humor, a simpatía e a maxia do teatro de monicreques.
Na súa décimo oitava edición o festival trae a Brión no aninovo dúas funcións teatrais que van celebrarse no Centro Social Polivalente de Brión ás 17:00 horas, segundo o seguinte calendario:


Xoves 02/01: TITERES TROMPICALLO “Jiñol”
Rosalía, Jiñol, o Sr. Bulú e o Policia ven alterada a súa vida pola inesperada chegada dun paquete que contén nada máis y nada menos que ... ¡un cocodrilo! ... Este é o comezo dunha historia dinámica e divertida, contada con títeres de luva, na que as distintas situacións da obra xiran entorno ao comportamento que os títeres teñen co intruso.

Venres 03/01: TÍTERES FANTOCHES BAJ “Fábula galénica”
Narrado coma se dun programa de teatro radiofónico se tratase, cóntase como na comarca de Catasós ven reducidos os seus recursos polo desexo do Rei Don Cardo de construírse un castelo novo e desproporcionado. Isto obriga ao Burro Eduardo xunto coa raposa, o lobo e o regato a organizárense na súa loita contra o Rei para recuperar a vida da fraga e a súa contorna.


Unha cita co teatro de monicreques destinada a toda a familia onde pequenos e grandes van gozar con estes divertidos personaxes. Coma de costume a entrada será de balde.

jueves, 12 de diciembre de 2013

Horarios da biblioteca no Nadal

De cara ás Festas de Nadal a biblioteca pública de Brión modifica os horarios de apertura nestas datas tan sinaladas. Os cambios afectan de dúas maneiras, por un lado o centro permanecerá pechado os sábados 14, 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro. Tamén o 24 e o 31 de decembro.
O resto de días, o horario de apertura será:
Mañás de 10:00 a 13:30 h. e tardes de 16:00 a 20:00 h.
Permanecerá vixente dende o día 23 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Moitas grazas e desculpen as molestias.
FELICES FESTAS!!

"A pensión Eva", unha lectura do Club para o Nadal

Despois de gozar con “84, Charing Cross Road” da escritora estadounidense Helene Hanff, iniciamos unha nova lectura no club de cara ás vindeiras festas de Nadal. Nesta ocasión cruzamos o Atlántico, como a correspondencia recollida na mencionada obra, e viaxamos ata o vello continente para facer escala na Italia natal do creador siciliano  Andrea Camilleri. Nado en 1925, este escritor de guións, novelista e director teatral e televisivo, preséntanos “A pensión Eva”, novela coa que abandona temporalmente o seu aclamado personaxe do inspector Montalbano e entrega aos lectores e lectoras unha novela memorable sobre a infancia e a adolescencia na Sicilia da Segunda Guerra Mundial.

Durante os anos da terrible contenda mundial, os cuartos da Pensión Eva, na vila siciliana de Vigata, convértense en refuxio dos seus habitantes. Ademais, esa estraña "pensión" é unha presenza misteriosa para Nené, un rapaz que, ata que logra penetrar na casa, non esperta á vida completamente. A pensión Eva é unha novela de iniciación á vida, á descuberta do sexo, do amor e da amizade nos tempos duros e sen esperanza da guerra.

Tamén é a nosa próxima lectura, da que poñeremos en común opinións o vindeiro mércores 9 de xaneiro de 2014 ás 20:30 h. na biblioteca pública municipal. Ata entón, felices festas e boas lecturas!!