Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

jueves, 24 de octubre de 2013

Día das bibliotecas

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unha efeméride que busca comunicar á cidadanía as funcións que hoxe en día cumpren as bibliotecas. Uns lugares que queren converterse en puntos de encontro, fonte de recursos para o tempo de lecer e para a procura de información sobre todo tipo de temas, instrumentos para a autoformación e tamén lugares para a convivencia.

As bibliotecas modernas conservan e transmiten toda a información e o coñecemento que atesouran os libros, pero tamén contan cos novos soportes da información da era dixital e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación.


Todo isto, e moito máis, atoparás na biblioteca, hoxe e durante todo o ano. Ven cando queiras a coñecernos. BPM de Brión,  o espazo de todos e cada un.

viernes, 18 de octubre de 2013

Club de lectura: "Novela de xadrez" de Stefan Zweig

O Club de lectura reuniuse o pasado mércores para iniciar unha nova andaina con máis lecturas para por en común. Nesta ocasión a obra escollida é “Novela de xadrez” (Die Schachnovelle, 1941) derradeira novela do escritor austríaco Stefan Zweig escrita pouco antes do seu suicidio, acontecido o 22 de febreiro de 1942. Foi publicada de forma póstuma en 1944.

O relato é unha crítica clara contra o nazismo e os métodos da Gestapo, a incomunicación e o exilio forzado, experimentado por Zweig, quen xamais regresaría á súa Austria natal. "Novela de xadrez" está considerada a súa obra mestra.

O autor:
Stefan Zweig (Viena, 1881 - Petrópolis, Brasil, 1942) foi un escritor enormemente popular, tanto na súa faceta de ensaísta e biógrafo coma na de novelista. A súa capacidade narrativa, a pericia e a delicadeza na descrición dos sentimentos e a elegancia do seu estilo convérteno nun narrador fascinante, capaz de seducirnos dende as primeiras liñas.
Fillo dun poderoso industrial, recibiu unha esmerada educación. Durante os seus anos de xuventude percorreu Europa, traballando como tradutor e colaborando en distintas publicacións. Cando estalou a Primeira Guerra Mundial, manifestou a súa posición pacifista. Ante a implantación cada vez maior das forzas nazis en Austria, emigrou a Londres. Da súa produción literaria destacan 'Cordas de prata', un exemplar onde reúne a súa poesía, e novelas como 'Jeremías', 'Amok', 'O xogador de xadrez' ou 'A confusión dos sentimentos'. Tamén escribiu as biografías dalgúns dos personaxes máis grandes da literatura como Dickens ou Balzac.

Sinopse:

Mirko Czentovi é un home rudo e ignorante, ademais de ser o campión mundial indiscutible de xadrez. Durante unha viaxe en barco, algúns afeccionados do xadrez enfróntanse a el nalgunhas partidas amigables que, por suposto, o campión gaña sen o menor esforzo.
Pero nunha partida co enigmático Dr. B., cos consellos dos pasaxeiros que Czentovi non pode soportar, arranca un empate. Czentovi, asombrado pide a desquite ao día seguinte…

jueves, 10 de octubre de 2013

O camaléon regresa á biblioteca tras as vacacións (editado)

Xa podes inscribirte no Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos de idade acompañados dun adulto. Como novidade, ademais de ampliar a idade de participación, este curso teremos dous días ao mes de actividades: o segundo e cuarto venres de cada mes. A taxa a aboar pola inscrición será de 20 € por trimestre.

Se estás interesado/a xa podes inscribirte ata fin de mes na Casa da Cultura ou na biblioteca municipal. Tamén podes chamar ao 981 509908 (Casa da Cultura) ou ao 981 509969 (biblioteca)

Conmeza unha nova andaina do Club de lectura

O vindeiro mércores 16 de outubro o Club de lectura da BPM de Brión reúnese para comezar unha nova andaina. A xuntanza será ás 20:30 h. na biblioteca, e nela escolleremos a próxima lectura. A nosa idea é reunirnos cada tres semanas para realizar unha posta en común de libros que previamente leremos de xeito solidario.

Se estás interesado/a en inscribirte no club de lectores da biblioteca só é necesario ter mínimo 16 anos, que che guste ler (ou que queiras iniciarte neste enriquecedor hábito) e que lle dediques un pouco do teu tempo de lecer ás xuntanzas periódicas que faremos. Diríxete á biblioteca ou chama ao tfno.: 981 50 99 69 para participar nesta actividade.