Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

jueves, 27 de junio de 2013

Encontro coa Arte: Lembrando a Roberto Vidal Bolaño

Os días 28, 29 e 30 de xuño celébrase o VIII Encontro coa Arte que este ano homenaxea a figura do ilustre dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. Unhas xornadas que van reunir durante unha fin de semana preto dunha trintena de artistas que participarán en diferentes actividades e realizarán varios obradoiros de pintura do natural en varios lugares do concello.

O Encontro coa Arte deste ano iníciase o venres 28 de xuño a mediodía, coa recepción dos participantes nun acto, presidido polo alcalde José Luís García García, que vai celebrarse no Salón de Plenos Municipal. Dende as 16:15 horas os artistas pintarán na entorna natural da Igrexa parroquial de Sta. María de Luaña. Unha ocasión única para contemplar aos pintores e participar do proceso creativo que desemboca na creación dunha obra de arte.

Pero o principal acto do día vai ser por partida dobre: por un lado a homenaxe a Roberto Vidal Bolaño, protagonista indiscutible deste ano no que o Día das Letras Galegas nos achegou a vida e a obra deste xenial autor; por outro a inauguración da exposición das obras doadas no VII Encontro coa Arte “Lembrando a Castelao”. Ámbolos dous terán lugar na Sala de Exposicións da Casa da Cultura de Brión a partir das 21:00 h.

Por este motivo, a BPM de Brión pechará as súas portas ás 20:00 h. en lugar de as 22:00 h. Pedimos desculpas polas molestias ocasionadas e convidamos a todos os usuarios da biblioteca a acudir ao mencionado acto.

A partir de xullo, novo horario de verán

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o luns día 1 e ata o mércores 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Non abrimos na mañá dos sábados

jueves, 13 de junio de 2013

"O curioso incidente do can á media noite" nova lectura do club

o curioso incidente do can a medianoite
Da obra de Julio Cortázar pasamos a un menos coñecido autor británico, Mark Haddon, escritor, ilustrador, pintor e profesor na súa Inglaterra natal.

A obra

A novela gañou en 2003 o premio "Libro do Ano Withbread", en 2005 o premio ao "Mejor primeiro libro para novos lectores" e en 2004 o " Premio para Escritores da Commonwealth" como mellor primeiro libro. O título da novela é unha cita a un comentario feito polo detective de ficción Sherlock Holmes no conto "Silver Blaze" de Sir Arthur Conan Doyle.
Christopher é un rapaz con síndrome de Asperger que vive co seu pai en Swindon. Unha noite descobre o cadáver de Wellington, o caniche da súa veciña, atravesado por unha forcada de xardín. A señora Shears, dona do can, chama a policía, que comeza a interrogar o rapaz. Christopher empeza a sentirse axitado por tantas preguntas, e un dos oficiais intenta agarralo dun brazo, o que provoca que o rapaz o golpee e que se o levan a comisaria ata que o seu pai o recolle. Christopher decide entón investigar o caso para limpar o seu nome. Non obstante, a súa investigación vese gravemente limitada polos seus temores e dificultades á hora de interpretar o mundo que o rodea. Durante a súa investigación, Christopher verase forzado a entrar en contacto con xente con quen nunca se relacionou, a pesar de que viven na súa mesma rúa.

 

O autor

Haddon é escritor, ilustrador, pintor e profesor. Escribiu numerosos libros para nenos e un poemario. Traballou durante un tempo con persoas con deficiencias físicas e mentais, o que o axudou a crear a súa primeira novela "O curioso incidente do can a media noite" (2004), gañadora do premio Whitbread e a Commonwealth. Antes de escribir este libro, xa escribira contos para nenos e tamén os ilustrara. Tamén participaba na creación de guións para series e películas de TV. Actualmente dá clases de literatura creativa na Universidade de Oxford e na fundación Arvon, e dedícase á pintura abstracta


A reunión terémola o 10 de xullo ás 20:30 h. na BPM de Brión. Con esta xuntanza poremos punto e seguido á actividade do club, para reiniciala á volta do verán.