Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

viernes, 24 de mayo de 2013

"Roberto Vidal Bolaño, sempre aquí"

Un grupo de teatro formado por alumnos do IES de Brión baixo a dirección de Lucho Penabade e Tero Rodríguez van representar a obra "Roberto Vidal Bolaño, sempre aquí"

A compañía está conformada por Alex,  Camila,  Carmela,  Irene, Leda, Lola, Lucas, Manuel, Mari Carme, Martiño, Patricia, Rosalía  e Simón, un elenco de novos actores que puxeron moita ilusión e esforzo neste proxecto.

Todos eles contan co apoio da asociación de pais e nais de alumnos/as "Pedra Viada" ANPA do IES de Brión-Pedrouzos, do propio centro de Secundaria e do Concello de Brión.

O espectáculo terá lugar o vindeiro sábado 1 de xuño ás 21:00 h. no Centro Social Polivalente. A entrada é libre.

miércoles, 22 de mayo de 2013

Club de lectura: "Historias de cronopios y de famas" de Julio Cortázar

De ratones y hombres
Despois "De ratos e homes" (Of Mice and Men, 1937). de John Steinbeck  imos ler "Historias de cronopios y de famas" de Julio de Cortazar.

A obra

"Historias de cronopios y de famas" (1962) é un dos libros lendarios de Julio Cortázar. Postulación dunha mirada poética capaz de enfrontar as miserias da rutina e do sentido común, Cortázar toma aquí partido pola imaxinación creadora e o humor corrosivo dos surrealistas.
Esta colección de contos e viñetas entrañables é unha introdución privilexiada ao mundo inesgotable dun dos máis grandes escritores deste século e un antídoto seguro contra a solemnidade e o aburrimento.
Sen dúbida ningunha, con este libro Cortázar sela un pacto de complicidade definitiva e incondicional cos seus lectores.

 Fonte: Alfaguara

 

O autor

Julio Cortázar naceu en Bruxelas o 26 de Agosto de 1914, de pais arxentinos. Chegou á Arxentina aos catro anos. Paso a infancia en Bánfield, graduouse como mestre de escola e iniciou estudos na Universidade de Buenos Aires, os que debeu abandonar por razóns económicas. Traballou en varias vilas do interior do país. Ensinou na Universidade de Cuyo e renunciou ao seu cargo por desavinzas co peronismo. En 1951 afastouse da Arxentina e dende entón traballou como tradutor independente da Unesco, en París, viaxando constantemente dentro e fóra de Europa. En 1938 publicou, co pseudónimo Julio Denis, o libriño de sonetos ("muy mallarmeanos", dixo despois el mesmo) "Presencia". En 1949 aparece a súa obra dramática "Los reyes". Apenas dous anos despois, en 1951, publica "Bestiario": xa xorde o Cortázar cegador pola súa fantasía e a súa revelación de mundos novos que irán enriquecéndose na súa obra futura: os inesquecibles tomos de relatos, os libros que desbordan toda categoría xenérica (poemas-contos-ensaios á vez), as grandes novelas: "Los premios" (1960), "Rayuela" (1963), "62/Modelo para armar" (1968), "Libro de Manuel"(1973). O refinamento literario de Julio Cortázar, as súas lecturas case inabarcables, o seu incesante fervor pola causa social, fan del unha figura de cegadora riqueza, constituída por paixóns ás veces encontradas, pero sempre asumidas con el mesmo, xenuíno ardor. Julio Cortazar morreu en 1984 pero o seu paso polo mundo seguirá suscitando o fervor dos que coñeceron a súa vida e a súa obra.



sábado, 18 de mayo de 2013

Roberto Vidal Bolaño, sempre en Brión

Roberto Vidal Bolaño está nestas datas moi presente pola homenaxe que recibe no Día das Letras Galegas. Unha conmemoración que Brión vive dun xeito especial por tratarse Roberto dun persoeiro intimamente ligado co concello. Porque non debemos esquecer que Roberto viviu os seus derradeiros anos entre nós. Aínda que nado en Santiago, o autor de “Criaturas” e “Animaliños” elixiu Brión, como lugar de residencia. Por iso non é de estrañar que o seu recordo permaneza moi vivo na lembranza dos brioneses.

Porque Vidal Bolaño sempre estará aquí, en Brión na memoria colectiva do todos. Dos que o coñeceron persoalmente e dos que o descobren por primeira vez. O legado máis valioso que nos deixou é a súa obra literaria e unha importante achega á dramaturxia galega contemporánea na que exerceu case todos os oficios. Porque no teatro galego hai un antes e un despois de Vidal Bolaño, e grazas a el tamén haberá un brillante futuro. A súa herdanza sirve de inspiración e guía a autores, directores e actores que continúan na senda dun home polifacético que o dou todo polo seu oficio.
Roberto e Belén co equipo de "Teatro do Aquí" nas antigas instalacións da BPM de Brión
Brión realiza a súa particular homenaxe a Roberto a través dunha programación especial da Feira do Libro-Letras Galegas 2013. Uns actos que se prolongarán de maio a novembro no Ano Roberto Vidal Bolaño. Dentro do apartado teatral destacamos dúas actuacións que terán lugar neste mes de maio. Dúas representación únicas que terán lugar o sábado 18, coa compañía ‘Teatro do Aquí’, e o día 25, con ‘Teatro Antroido’.

O día 18 de maio “Criaturas”, de 'Teatro do Aquí' achéganos a montaxe orixinal de Roberto Vidal Bolaño a través da dirección de Evaristo Calvo. Despois da súa representación en Oleiros (26 e 27 de abril), Muros (3 e 4 de maio), Vilagarcía (10 de maio) e Santiago de Compostela (do 15 ao 17 de maio) o emblemático texto do xenial dramaturgo represéntase en Brión no Centro Social Polivalente ás 20:30 h., con entrada libre.
 
O sábado 25 de maio 'Teatro Antroido' presenta en Brión “BailadELAS: mulleres boloñesas” de Roi Vidal sobre textos Roberto Vidal Bolaño. 'BailadELAS' está dirixida por Roi Vidal Ponte e Xavier Estévez e interpretada pola actriz Laura Ponte, impulsora xunto con Roberto Vidal Bolaño da compañía Teatro Antroido, revivida para esta produción onde a persoa e as personaxes de Roberto Vidal Bolaño, protagonizan unha obra única para un ano único. A representación será de novo no Centro Social Polivalente ás 20:30 h. con entrada de balde.

Dous espectáculos, dúas oportunidades únicas para coñecer a obra do dramaturgo, actor e director que marcou un antes e un despois no teatro galego de onte, hoxe e sempre.

viernes, 3 de mayo de 2013

Club de lectura: 'De ratos e homes' de John Steinbeck

De ratones y hombres
Tras ler  "La sonrisa etrusca" de José Luis Sampedro, a vindeira lectura  é  "De ratos e homes" (Of Mice and Men, 1937). O  autor John Steinbeck  (California 1902-New York, 1968) é un dos escritores americanos de maior sona no S. XX, Premio Nobel de Literatura en  1962.

A obra

A historia sitúase nunha granxa preto de Soledad no Val de Salinas durante a Gran Depresión (1929-1939). A novela relata a tráxica historia de George Milton e Lennie Small, dous traballadores agrícolas itinerantes que soñan con ter algún día unha pequena granxa. George, pequeno e intelixente, fai de figura paterna de Lennie, que é grande, forte e inxenuo. A Lennie, que é candorosamente estúpido cústalle aprender as cousas e encántalle todo o que é brando, pero a súa inmensa forza física é unha fonte de problemas e George, o único amigo de Lennie, ten que calmalo. A obra foi traducida a numerosas linguas e adaptada  ao teatro, o cine e a TV.

O autor

John Steinbeck é un narrador e dramaturgo estadounidense, famoso polas súas novelas que o sitúan na primeira liña da corrente naturalista ou do realismo social americano, xunto a nomes como E. Caldwell e outros. Estudou na Universidade de Stanford, pero dende moi temperán tivo que traballar duramente como albanel, xornaleiro rural, agrimensor ou empregado de tenda. Na década de 1930 describiu a pobreza que acompañou á Depresión económica e tivo o seu primeiro recoñecemento crítico coa novela “Tortilla Flat”, en 1935.
O seu estilo, herdeiro do naturalismo e próximo ao periodismo, susténtase non obstante nunha gran carga de emotividade nos argumentos e no simbolismo que trasuntan as situacións e personaxes que crea, como acontece nas súas obras maiores: Of Mice and Men (“De ratos e homes”) (1937), The Grapes of Erath (“As uvas da ira”) (1939) e East of Eden ("Ao leste do Edén") (1952).



Fontes: wikipedia : http://www.biografiasyvidas.com

Programación especial Letras Galegas-Ano Vidal Bolaño

O ano no que o Día das Letras Galegas lembra ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño de Brión, o concello presenta unha programación especial anual que se estenderá dende maio ata novembro, cunha oferta de actividades centrada no teatro e na escena, como non podía ser doutro xeito.

Feira do Libro de Brión

A Feira do Libro de Brión vai celebrarse do 13 ao 31 de maio. Como en edicións anteriores centra a súa atención nos máis novos ofertando numerosos espectáculos e propostas de dinamización para os nenos e mozos dos centros educativos brioneses.
Destinadas ao público en xeral destacan as representacións teatrais de “Criaturas” e “BailadELAS” a cargo respectivamente das compañías “Teatro do Aquí” e Teatro Antroido. Tamén relacionado coa escena están os “Monólogos na Carballeira: venres de conto e comedia”, un interesante ciclo que achega a Brión a humoristas galegos como Pepe Capelán, Óscar Maldados , Pedro Brandariz, Boquete e Víctor Grande. Os espectáculos terán lugar dende o 31 de maio ao 5 de xullo na Sala de Exposicións de Brión ás 20:30 h.

En xuño, "Encontros coa Arte"

En xuño regresan os “Encontros coa Arte” que este ano homenaxean a Roberto Vidal Bolaño. Mencionar que as coñecidas xornadas atrasan as súa data de celebración ata os días 28, 29 e 30 de xuño. O día 1 dese mes o Centro Social Polivalente acolle ás 8 do serán a presentación da montaxe do Grupo de Teatro do IES de Brión. Un espectáculo que nin os pais nin o resto de veciños podemos deixar de ver.

Outono teatral

 En outubro e novembro regresará aos escenarios de Brión o teatro de Roberto Vidal Bolaño así como unhas xornadas sobre o dramaturgo organizadas pola ANPA Pedra Viada.

Para coñecer un adianto da programación especial Día das Letras Galegas-Ano Roberto Vidal Bolaño que se desenvolverá no Concello de Brión dende maio ata novembro de 2013 so temos que visitar o portal institucional do concello ou premer na seguinte ligazón.