En agosto e setembro a biblioteca adapta de novo o seu horario á tempada estival. Consultao premendo nesta ligazón.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

miércoles, 23 de enero de 2013

Camaleóns, este venres reunión

Camaleóns, non esquezades que este venres 25 de xaneiro temos xuntanza do club. Como sempre hai dúas quendas, unha ás 17:00  e outra ás 18:00 horas.

Como xa sabedes, o Club Camaleón é unha actividade mensual de animación que se celebra na biblioteca e está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos de idade acompañados dun adulto.

Se estás interesado/a en participar, infórmate chamando ao tfno. 981 50 99 69 ou contacta connosco no correo electrónico da biblioteca (mira nesta ligazón)

Primeira xuntanza do Club de lectura

Onte celebramos a primeira xuntanza do club, reunión que foi unha toma de contacto, un serán onde tivemos a oportunidade de coñecernos  e intercambiar ideas sobre os libros e as lecturas que nos gustan. Tamén establecemos algúns dos mecanismos que van rexer o seu funcionamento.

Un club que quere ser dinámico e flexible, adaptándose ás necesidades de cada un dos membros dentro do que sexa posible. Por iso que a opinión de todos é esencial á hora de establecer as regras de funcionamento e as lecturas que imos iniciar axiña.



O noso obxectivo é crear un grupo de intercambio e posta en común das nosas experiencias lectoras arredor das obras literarias que escollamos. Tamén sería interesante propoñer outras actividades complementarias á lectura que enriquezan o club, como visionado de películas (literatura no cine), presentacións literarias, quedadas para acudir a exposicións ou actividades relacionadas cos libros, etc.
 Resumindo, estes son os puntos acordados na reunión de onte:

-Xuntarémonos cunha periodicidade quincenal, en horas e datas axeitadas ás dispoñibilidades de tempo da maioría dos membros. De feito, xa fixamos a vindeira reunión, á que espero poidamos acudir todos. Vai ser o mércores 6 de febreiro ás 20:00 horas.


 -Para a lectura, decidimos elaborar unha listaxe de obras das que poidamos dispoñer a través de empréstito, ben nesta ou outras bibliotecas da rede. Unha relación de títulos que elaboraremos e vos remitiremos por e-mail a vindeira semana. Botádelle unha ollada cara a seguinte reunión.

Tamén abrimos un apartado dedicado ao club no blog da biblioteca, na sección "Os nosos clubs". Descúbreo premendo nesta ligazón

martes, 15 de enero de 2013

Club de lectura

O martes 22 de xaneiro ás 19:30 h. imos celebrar a primeira reunión do club de lectura da BPM de Brión. Na xuntanza imos fixar os mecanismos de funcionamento do mesmo e datas e horarios de futuras reunións, sempre contando coa opinión e suxestións de todos os integrantes. Por suposto, tamén nós coñeceremos persoalmente.

Calquera persoa interesada en participar no club pode facelo inscribíndose na BPM de Brión ou chamando ao Tfno.: 981 50 99 69 (horario de tarde). Sen compromiso de permanencia: ven, proba e, se che gusta, queda connosco.

jueves, 3 de enero de 2013

Os monicreques toman a biblioteca

Os integrantes de “Títeres sin cabeza”, grupo aragonés que actuou no XVII Festival de Títeres de Brión, participaron nun divertido “Obradoiro de títeres” que se desenvolveu na biblioteca municipal de Brión o xoves 3 de xaneiro, entre as 11 e as 13 horas.

Os destinatarios da actividade foron nenos e nenas de todas as idades, acompañados os máis cativos por un adulto. A pesar de que a actividade se anunciou con pouca antelación, foi un éxito de participación, pois contou coa asistencia de case 20 rapaces máis os seus pais.

O taller consistiu na elaboración de sinxelos pero vistosos monicreques empregando materiais para desbotar que todos temos ao noso alcance no fogar. Provistos de papel de xornal, fixo, garrafas, tapóns e bolsas de plástico só é necesario botar a imaxinación a voar para crear divertidos monicreques para pasar un divertido intre xogando ao teatro de monicreques; iso si, sempre coa supervisión dun adulto, principalmente os máis pequenos.

Ao rematar o obradoiro os participantes marcharon para a casa con cadanseu boneco feito por eles mesmos. Iso si, cun pouco de axuda dos monitores e seus pais. Agora só queda darlles vida como se dun teatro de marionetas se tratase. E para aprender a facelo, que mellor que asistir estes primeiros días do ano ao XVII Festival de Títeres de Brión que está a celebrarse no Centro Social Polivalente a partir das 17:30 h. Que o espectáculo e o xogo continúe.

miércoles, 2 de enero de 2013

Obradoiro de Títeres

O xoves 3 de xaneiro o grupo aragonés "Títeres sin cabeza", que participa no XVII Festival de Títeres de Brión, vai impartir na BPM de Brión un obradoiro de títeres onde poderás aprender a facer e manexar monicreques construídos empregando materiais reciclados. A actividade, que é de balde, comezará ás 11:00 h. e prolongarase durante dúas horas. Nela poderán participar nenos e nenas de calquera idade. Os menores de 5 anos deberán vir acompañados dun adulto. Non é necesario inscribirse, só achégate á biblioteca ás 11 de mañá.

Resumo da actividade:
Lugar de celebración: BPM de Brión
Data: xoves 3 de xaneiro
Horario: de 11 a 13 horas.
Destinatarios: nenos e nenas de calquera idade. Os menores de 5 anos acompañados dun adulto.
Actividade de balde