HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

luns, 29 de outubro de 2012

O Club Camaleón inicia a súa andaina

O Club Camaleón comezou a súa andaina. O día 26 de outubro reuníronse na biblioteca municipal unha vintena de nenos, acompañados dun familiar, para participar nesta actividade de animación destinada aos máis cativos da casa.

O pequenos, de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, iniciaron a actividade coñecendo a historia do camaleón, o novo inquilino da biblioteca de Brión. Tamén participaron nun divertido xogo de pistas e realizaron un puzzle xigante que vai decorar a sala de infantil da biblioteca.

O Club Camaleón reunirase novamente o vindeiro venres 30 de novembro con novas e entretidas actividades para que os nenos e os seus familiares coñezan e gocen dos recursos para o tempo de lecer que a biblioteca pública municipal lles ofrece.

martes, 23 de outubro de 2012

24 de outubro, día da biblioteca

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unha efeméride que busca comunicar á cidadanía as funcións que hoxe en día cumpren as bibliotecas. Uns lugares que queren converterse en puntos de encontro, fonte de recursos para o tempo de lecer e para a procura de información sobre todo tipo de temas, instrumentos para a autoformación e tamén lugares para a convivencia.

As bibliotecas modernas conservan e transmiten toda a información e o coñecemento que atesouran os libros, pero tamén contan cos novos soportes da información da era dixital e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Todo isto, e moito máis, atoparás na biblioteca, hoxe e durante todo o ano. Ven cando queiras a coñecernos. BPM de Brión,  o espazo de todos e cada un.

sábado, 20 de outubro de 2012

Primeira xuntanza do "Club Camaleón"

O vindeiro venres 26 de outubro, xuntámonos os socios do Club Camaleón. Para poder participar nas actividades que se van programar ao longo do curso, ademais de inscribirvos no club, debedes confirmar a vosa asistencia ás mesmas cada venres.
 Como sodes moitas as persoas inscritas, é necesario facer dous grupos, sempre que se alcance un número mínimo de participantes en cada un deles. Por iso é necesario saber que socios teñen pensado vir o venres 26, para o que deberedes confirmar a asistencia contestando ao e-mail que se vos enviou.

Os primeiros en facelo irán ao grupo de 17 a 18 h., e os seguintes ao grupo de 18 a 19 h.  Sobre todo isto falaremos convosco na xuntanza do venres, pero para organizar o 1º día, faremos deste xeito.
Para confirmar a asistencia, ou para aclarar calquera dúbida, podedes chamar aos tfno. 981 50 99 08 pola mañá (Elisa ou Dora) e ao 981 50 99 69 polas tardes (Biblioteca).

mércores, 17 de outubro de 2012

Outono cultural 2012

Dende o 5 de outubro ata o 28 de decembro os veciños e visitantes de Brión van poder gozar cunha ampla e variada programación cultural, enmarcada dentro do programa “Outono Cultural 2012”. A fotografía, a pintura, a música, o teatro e o tradicional magosto teñen cabida nun outono repleto de actividades dirixidas a toda a familia.

O Centro Social Polivalente, a Casa da Cultura e o Teleclube de Ons son os lugares de acollida de exposicións e actuacións musicais e teatrais. A arte dramática vai ocupar un lugar moi destacado, grazas ao VI Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho” de Ons e ás actuacións de teatro profesional que van celebrarse no auditorio do Centro Social Polivalente. Este último tamén acollerá, xunto a Casa da Cultura e a Escola de Música Magariños, destacadas actuacións musicais.

O Outono da Arte

Ademais da exposición de fotografía “Auga… como excusa”, que xa pode visitarse na Sala de Exposicións de Brión, nas vindeiras semanas poderemos gozar dunha mostra a cargo da “Asociación Galega de Arte e Cultura”, unha exposición dos artistas Antón Sobral e Carmen Hermo, e outra a cargo do pintor Xosé Vázquez Castro.

Magosto na Carballeira

O tradicional Magosto brionés vaise celebrar o día 30 de novembro, a partir da 18:00 h. na Carballeira de santa Minia. Con chocolate e castañas de balde e algunha outra sorpresa, a popular festa do magosto achegará un pouco de calor ao frío outono que nos espera.

Teatro afeccionado en Ons co VI Ciclo “Pedra do Moucho”

Un ano máis, o Teleclube de Ons acollerá catro representacións teatrais a cargo dos grupos “Teatro Badius” que presentará a obra “Facer o sueco”; “Rueiro”, que representará “A miña muller e o fontaneiro”; “Teatro de Cámara DITEA” que porá en escena “Acto imprevisto”; e os brioneses “Trangalleiro Teatro” que nos farán rir coa obra “O enfermo imaxinario”.

Teatro afeccionado e profesional no Centro Social

Un ano máis, o Centro Social Polivalente convertese nunha sala teatral onde o grupo local Trangalleiro Teatro presentará “ O enfermo imaxinario”, unha das obras máis recoñecidas do dramaturgo francés Moliere. Xa a nivel profesional, Verdeverás Expresións Artísticas representará a súa obra “Tacóns na corda”, Abrapalabra Creacións Escénicas Cándido Pazó porá en escena “Memorias dun neno labrego”; e Volta e Dálle Teatro presentará “Menciñeiros”.

Música

No outono cultural de Brión tampouco faltará a música, cun concerto de guitarra a cargo de Xosé Guzmán na Escola de Música Magariños e outro na Sala de Exposición da Casa da Cultura executado polo Grupo de Metais Santa Cecía. Ludmila Orlova volverá presentar a súa tradicional Gala Lírica para recibir o Nadal.

O outono en Brión presentase cheo de posibilidades para o tempo de lecer. O calendario completo con todas as actividades pódese consultar premendo na seguinte ligazón.