HORARIO DE SEMANA SANTA

Do 25 ao 27 de marzo:
Mañás: 10:30 a 13:30 h.
Tardes:16:30 a 19:30 h.

Os días 28 e 29 de marzo a biblioteca permanecerá pechada.

mércores, 17 de outubro de 2012

Outono cultural 2012

Dende o 5 de outubro ata o 28 de decembro os veciños e visitantes de Brión van poder gozar cunha ampla e variada programación cultural, enmarcada dentro do programa “Outono Cultural 2012”. A fotografía, a pintura, a música, o teatro e o tradicional magosto teñen cabida nun outono repleto de actividades dirixidas a toda a familia.

O Centro Social Polivalente, a Casa da Cultura e o Teleclube de Ons son os lugares de acollida de exposicións e actuacións musicais e teatrais. A arte dramática vai ocupar un lugar moi destacado, grazas ao VI Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho” de Ons e ás actuacións de teatro profesional que van celebrarse no auditorio do Centro Social Polivalente. Este último tamén acollerá, xunto a Casa da Cultura e a Escola de Música Magariños, destacadas actuacións musicais.

O Outono da Arte

Ademais da exposición de fotografía “Auga… como excusa”, que xa pode visitarse na Sala de Exposicións de Brión, nas vindeiras semanas poderemos gozar dunha mostra a cargo da “Asociación Galega de Arte e Cultura”, unha exposición dos artistas Antón Sobral e Carmen Hermo, e outra a cargo do pintor Xosé Vázquez Castro.

Magosto na Carballeira

O tradicional Magosto brionés vaise celebrar o día 30 de novembro, a partir da 18:00 h. na Carballeira de santa Minia. Con chocolate e castañas de balde e algunha outra sorpresa, a popular festa do magosto achegará un pouco de calor ao frío outono que nos espera.

Teatro afeccionado en Ons co VI Ciclo “Pedra do Moucho”

Un ano máis, o Teleclube de Ons acollerá catro representacións teatrais a cargo dos grupos “Teatro Badius” que presentará a obra “Facer o sueco”; “Rueiro”, que representará “A miña muller e o fontaneiro”; “Teatro de Cámara DITEA” que porá en escena “Acto imprevisto”; e os brioneses “Trangalleiro Teatro” que nos farán rir coa obra “O enfermo imaxinario”.

Teatro afeccionado e profesional no Centro Social

Un ano máis, o Centro Social Polivalente convertese nunha sala teatral onde o grupo local Trangalleiro Teatro presentará “ O enfermo imaxinario”, unha das obras máis recoñecidas do dramaturgo francés Moliere. Xa a nivel profesional, Verdeverás Expresións Artísticas representará a súa obra “Tacóns na corda”, Abrapalabra Creacións Escénicas Cándido Pazó porá en escena “Memorias dun neno labrego”; e Volta e Dálle Teatro presentará “Menciñeiros”.

Música

No outono cultural de Brión tampouco faltará a música, cun concerto de guitarra a cargo de Xosé Guzmán na Escola de Música Magariños e outro na Sala de Exposición da Casa da Cultura executado polo Grupo de Metais Santa Cecía. Ludmila Orlova volverá presentar a súa tradicional Gala Lírica para recibir o Nadal.

O outono en Brión presentase cheo de posibilidades para o tempo de lecer. O calendario completo con todas as actividades pódese consultar premendo na seguinte ligazón.

0 comentarios :

Publicar un comentario