Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

miércoles, 19 de diciembre de 2012

Felices festas!

Nestas datas tan sinaladas a BPM de Brión quere desexar a todos os veciños unhas FELICES FESTAS e un venturoso 2013.
 Porque no ano que axiña comeza queremos seguir sendo a biblioteca de todos e cada un.

Horarios de Nadal

Durante o Nadal a BPM de Brión vai modificar os seus horarios de atención ao público. O período de vixencia será dende o día 22 de decembro ata o 6 de xaneiro. Entre estas datas a biblioteca vai abrir:

LUNS A VENRES:
Mañás: de 10 a 13 horas
Tardes: de 16 a 20 horas

SÁBADOS:
Pechamos


Os días 24 e 31 de decembro a biblioteca permanecerá pechada.

Felices festas a todos/as

lunes, 3 de diciembre de 2012

Club de lectura da BPM de Brión

Dende xaneiro, a BPM de Brión propón aos seus usuarios maiores de 16 anos participar nun club de lectura. Os interesados nesta proposta xa poden inscribirse na actividade ata o día 29 de decembro. Para facelo só teñen que chamar aos tfnos. 981 50 99 08 (mañás) ou ao 981 50 99 69 (tardes). Tamén poden facelo dirixíndose directamente á biblioteca.

A primeira reunión está convocada para o día 18 de xaneiro. Nela xuntarémonos por primeira vez e estableceremos as bases de funcionamento deste novo club de lectura.

viernes, 30 de noviembre de 2012

O Club Camaléon reúnese de novo

Os pequenos socios do Club Camaleón volveron reunirse este venres para participar nunha nova xuntanza na biblioteca. Os nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, participaron nun divertido xogo de pistas que os conduciu na procura da solución polas diferentes salas da biblioteca pública municipal.

Nesta ardua tarefa contaron co inestimable apoio dos seus acompañantes adultos: país, nais, avós ou outros familiares que tamén participan na actividade. Todos xuntos, durante unha hora, pasaron un intre divertido e coñeceron a biblioteca un pouco máis.

O Club Camaleón, é unha actividade de dinamización realizada conxuntamente pola biblioteca pública e o Departamento de Mocidade e Voluntariado do Concello de Brión. Celébrase o último venres de casa mes durante unha hora. Os participantes están divididos en dous grupos, podendo escoller a sesión na que queren participar en cada convocatoria. O horario é de 17 a 18 horas para o primeiro grupo e de 18 a 19 horas para o segundo.

Os interesados en participar poden inscribirse directamente na biblioteca, ou ben chamando ao teléfono 981 50 99 08 e 981 50 99 69.

lunes, 29 de octubre de 2012

O Club Camaleón inicia a súa andaina

O Club Camaleón comezou a súa andaina. O día 26 de outubro reuníronse na biblioteca municipal unha vintena de nenos, acompañados dun familiar, para participar nesta actividade de animación destinada aos máis cativos da casa.

O pequenos, de idades comprendidas entre os 3 e os 6 anos, iniciaron a actividade coñecendo a historia do camaleón, o novo inquilino da biblioteca de Brión. Tamén participaron nun divertido xogo de pistas e realizaron un puzzle xigante que vai decorar a sala de infantil da biblioteca.

O Club Camaleón reunirase novamente o vindeiro venres 30 de novembro con novas e entretidas actividades para que os nenos e os seus familiares coñezan e gocen dos recursos para o tempo de lecer que a biblioteca pública municipal lles ofrece.

martes, 23 de octubre de 2012

24 de outubro, día da biblioteca

O 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca, unha efeméride que busca comunicar á cidadanía as funcións que hoxe en día cumpren as bibliotecas. Uns lugares que queren converterse en puntos de encontro, fonte de recursos para o tempo de lecer e para a procura de información sobre todo tipo de temas, instrumentos para a autoformación e tamén lugares para a convivencia.

As bibliotecas modernas conservan e transmiten toda a información e o coñecemento que atesouran os libros, pero tamén contan cos novos soportes da información da era dixital e ás novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Todo isto, e moito máis, atoparás na biblioteca, hoxe e durante todo o ano. Ven cando queiras a coñecernos. BPM de Brión,  o espazo de todos e cada un.

sábado, 20 de octubre de 2012

Primeira xuntanza do "Club Camaleón"

O vindeiro venres 26 de outubro, xuntámonos os socios do Club Camaleón. Para poder participar nas actividades que se van programar ao longo do curso, ademais de inscribirvos no club, debedes confirmar a vosa asistencia ás mesmas cada venres.
 Como sodes moitas as persoas inscritas, é necesario facer dous grupos, sempre que se alcance un número mínimo de participantes en cada un deles. Por iso é necesario saber que socios teñen pensado vir o venres 26, para o que deberedes confirmar a asistencia contestando ao e-mail que se vos enviou.

Os primeiros en facelo irán ao grupo de 17 a 18 h., e os seguintes ao grupo de 18 a 19 h.  Sobre todo isto falaremos convosco na xuntanza do venres, pero para organizar o 1º día, faremos deste xeito.
Para confirmar a asistencia, ou para aclarar calquera dúbida, podedes chamar aos tfno. 981 50 99 08 pola mañá (Elisa ou Dora) e ao 981 50 99 69 polas tardes (Biblioteca).

miércoles, 17 de octubre de 2012

Outono cultural 2012

Dende o 5 de outubro ata o 28 de decembro os veciños e visitantes de Brión van poder gozar cunha ampla e variada programación cultural, enmarcada dentro do programa “Outono Cultural 2012”. A fotografía, a pintura, a música, o teatro e o tradicional magosto teñen cabida nun outono repleto de actividades dirixidas a toda a familia.

O Centro Social Polivalente, a Casa da Cultura e o Teleclube de Ons son os lugares de acollida de exposicións e actuacións musicais e teatrais. A arte dramática vai ocupar un lugar moi destacado, grazas ao VI Ciclo de Teatro Afeccionado “Pedra do Moucho” de Ons e ás actuacións de teatro profesional que van celebrarse no auditorio do Centro Social Polivalente. Este último tamén acollerá, xunto a Casa da Cultura e a Escola de Música Magariños, destacadas actuacións musicais.

O Outono da Arte

Ademais da exposición de fotografía “Auga… como excusa”, que xa pode visitarse na Sala de Exposicións de Brión, nas vindeiras semanas poderemos gozar dunha mostra a cargo da “Asociación Galega de Arte e Cultura”, unha exposición dos artistas Antón Sobral e Carmen Hermo, e outra a cargo do pintor Xosé Vázquez Castro.

Magosto na Carballeira

O tradicional Magosto brionés vaise celebrar o día 30 de novembro, a partir da 18:00 h. na Carballeira de santa Minia. Con chocolate e castañas de balde e algunha outra sorpresa, a popular festa do magosto achegará un pouco de calor ao frío outono que nos espera.

Teatro afeccionado en Ons co VI Ciclo “Pedra do Moucho”

Un ano máis, o Teleclube de Ons acollerá catro representacións teatrais a cargo dos grupos “Teatro Badius” que presentará a obra “Facer o sueco”; “Rueiro”, que representará “A miña muller e o fontaneiro”; “Teatro de Cámara DITEA” que porá en escena “Acto imprevisto”; e os brioneses “Trangalleiro Teatro” que nos farán rir coa obra “O enfermo imaxinario”.

Teatro afeccionado e profesional no Centro Social

Un ano máis, o Centro Social Polivalente convertese nunha sala teatral onde o grupo local Trangalleiro Teatro presentará “ O enfermo imaxinario”, unha das obras máis recoñecidas do dramaturgo francés Moliere. Xa a nivel profesional, Verdeverás Expresións Artísticas representará a súa obra “Tacóns na corda”, Abrapalabra Creacións Escénicas Cándido Pazó porá en escena “Memorias dun neno labrego”; e Volta e Dálle Teatro presentará “Menciñeiros”.

Música

No outono cultural de Brión tampouco faltará a música, cun concerto de guitarra a cargo de Xosé Guzmán na Escola de Música Magariños e outro na Sala de Exposición da Casa da Cultura executado polo Grupo de Metais Santa Cecía. Ludmila Orlova volverá presentar a súa tradicional Gala Lírica para recibir o Nadal.

O outono en Brión presentase cheo de posibilidades para o tempo de lecer. O calendario completo con todas as actividades pódese consultar premendo na seguinte ligazón.

lunes, 24 de septiembre de 2012

A biblioteca pecha os días 26 e 27 de setembro con motivo da Romaría de Sta. Minia

Con motivo da Romaría de Santa Minia, que se celebra os días 26 e 27 de setembro, a BPM de Brión pechará as súas portas durante estes días tan sinalados, nos que a Carballeira de Santa Minia acolle unhas das festas con máis soa da comarca.
Os veciños e visitantes poderán gozar de dous días de celebracións  cun ambiente festivo sen igual, que se prolonga dende a mañá ata a noite.
Ademais dos actos litúrxicos e a tradicional verbena, ao longo da xornada terán lugar actuacións musicais e teatrais na entorna da carballeira.

Consulta toda a información en: http://santaminia.blogspot.com.es/

lunes, 10 de septiembre de 2012

Únete ao Club Camaleón!

Dende o día 3 de setembro xa podes inscribirte de balde no Club Camaleón, unha actividade de animación á lectura na da que podes formar parte se tés entre 3 e 6 anos de idade e ves acompañado dun adulto.

A partires de outubro imos xuntarnos o último venres de cada mes de 17 a 18 horas na biblioteca municipal. Para saber máis ou inscribirte na actividade, chama ao 981 509908 (Casa da Cultura) ou ao 981 509969 (biblioteca)

viernes, 20 de julio de 2012

Horarios mes de setembro (ata o día 17)

En setembro a biblioteca municipal de Brión retoma os horarios habituais. Isto acontecerá a partir do día 17.
Dende o luns 10 e ata o venres 14, a biblioteca continuará prestando os seus servizos no horario estival:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas
Non abrimos o sábado 15 de setembro


sábado, 30 de junio de 2012

Outro anaco de sabedoría

Ven de editarse un libro elaborado por un grupo de animosos veciños, a maioría participantes nos Obradoiros de Maiores do Concello de Brión. Trátase da obra "Outro anaco de sabedoría", unha escolma de ditos e refráns, adiviñas, cantigas, rezos, narracións, receitas de cociñas e moitas máis cousas, recollidas con moito agarimo por uns incansables traballadores que participan nestes populares talleres que se imparten no Centro Social Polivalente.
O libriño é continuación de "Un anaco de sabedoría", publicado hai un ano, unha obra que tivo moi boa acollida entre o público, por tratarse dunha interesante achega para a recuperación da memoria, o folclore e a cultura popular do noso concello.


"Outro anaco de sabedoría" e "Un anaco de sabedoría" están dispoñibles na nosa particular "biblioteca dixital", a disposición de quen os queira gozar:
Outro anaco de sabedoría
Un anaco de sabedoría

Decora a biblioteca colle vacacións

O venres 29 de xuño celebramos o último obradoiro por este curso da actividade "Decora a biblioteca", unha proposta lúdico-educativa organizada polo Departamento de Voluntariado e a BPM de Brión, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 6 anos.

A través dos traballos manuais, e coa escusa de decorar a sala infantil, os pequenos coñecen a biblioteca, entrando en contacto cun mundo habitado por centos de libros e milleiros de personaxes que viven apaixonantes historias. Todo un universo cheo de posibilidades de diversión para o tempo de lecer, e tamén un mundo de coñecemento ao alcance da man: só hai que abrir un libro.

Pouco a pouco, o espazo que os nenos teñen na biblioteca vai cambiando o seu aspecto, facéndose máis cálido e acolledor. E todo grazas á imaxinación dos máis pequenos que, coa axuda de seus pais ou avós (á actividade van acompañados dun familiar), sesión tras sesión, van creando distintos elementos decorativos que enriquecen un espazo que é de seu.

"Decora a biblioteca" marcha de vacacións estivais, pero non tardará en regresar con novas propostas orixinais e divertidas. Deica pronto!

lunes, 25 de junio de 2012

Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013

A Real Academia Galega escolleu o venres pola tarde ao novo homenaxeado do Día das Letras Galegas 2013. Vai ser Roberto Vidal Bolaño, un dos nosos grandes dramaturgos de finais do século XX, que viviu os seus derradeiros anos en Brión.

Como un veciño máis percorreu as nosas rúas, paseou pola carballeira de Santa Minia, gozou da súa popular romaría; en definitiva, compartiu connosco numerosos momentos da súa vida. Foi, tamén, usuario desta biblioteca, onde procurou o goce da lectura en numerosas ocasións. Cando aínda estabamos na Casa da Cultura, sobre o seu modesto escenario situado na planta baixa representou, entre outras, as obras "Animaliños" e "Os Papalagui".

Para Brión é unha gran nova que no vindeiro ano lembremos a súa figura no Día das Nosas Letras. No último pleno municipal celebrado o pasado 19 de xuño, a corporación acordou por unanimidade solicitar que o Día dás Letras Galegas 2013 se dedicase a Roberto Vidal Bolaño; por iso que recibimos esta noticia con especial ledicia. Do mesmo xeito, o IES de Brión, que xa organizara diversos actos e actividades no curso 2008-2009 para honrar a súa memoria. Dende entón, a biblioteca escolar do centro toma o nome desta insigne figura da nosa dramaturxia.

Na biblioteca municipal celebramos esta decisión e convidamos a todos os veciños a vir e descubrir nos nosos andeis o mellor legado que este ilustre veciño nos deixou, a súa obra.

Novo horario no mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o luns día 2 e ata o venres 22, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario:

Luns a venres
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Non abrimos na mañá dos sábados

Na semana do 23 ao 27 de xullo, a biblioteca abrirá en horario de mañá, de 10:00 a 13:00 h.

jueves, 14 de junio de 2012

Nova xuntanza para decorar a biblioteca

O vindeiro 29 de xuño os nenos e nenas de Brión de entre tres e seis anos están convidados a participar nun novo obradoiro de "Decora a biblioteca", unha actividade que a través dos xogos e os traballos manuais quere achegar o libro e a lectura aos máis pequenos.
Como podemos observar na fotografía, a árbore que fixemos na última xuntanza xa medra vizosa na sala de infantil, un espazo que tamén luce nas fiestras a decoración elaborada no primeiro dos obradoiros.
Se queres participar no último taller da temporada inscríbete xa chamando ao 981 50 99 69 (tardes de 16 a 22 h.) Lembramos que a actividade está dirixina a nenos de entre 3 e 6 anos acompañados dun adulto (papá, mamá, avó, avoa...)

miércoles, 13 de junio de 2012

O concurso Brionatura deu a coñecer as fotos gañadoras de 2012

O concurso de fotografía Brionatura 2012 deu a coñecer os seus gañadores. Pablo Conde, veciño de Brión, acadou coa súa obra "Roteiro misterioso" o primeiro premio da 4ª edición do Concurso de Fotografía Brionatura, que este ano estivo dedicado aos camiños do municipio. O premio consiste nun circuíto termal no Hotel Balneario de Compostela para dúas persoas que inclúe cea e noite.
O segundo premio foi para Agustín Iglesias Otero que presentou unha fotografía tirada na aldea de Vilas.
Galería de imaxes coas fotos gañadoras e finalistas

A Sala de Exposicións acolle unha nova mostra

O venres 15 de xuño ás 21 horas o alcalde Brión, D. José Luís García, inaugurará na sala de Exposicións da Casa de Cultura de Brión a mostra do V Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez que organiza a Deputación Provincial da Coruña.
A exposición, que consta de 30 gravados de artistas nacionais e internacionais seleccionados neste certame, permanecerá aberta ao público do 15 ao 27 de xuño, en horario de atención ao público.

martes, 29 de mayo de 2012

Nova convocatoria do obradoiro Decora a biblioteca

O venres 25 de maio celebrouse na biblioteca unha nova edición da actividade "Decora a biblioteca", un obradoiro de traballos manuais pensado para nenos e nenas de 3 a 6 anos de idade. Malia que a  participación nesta convocatoria non acadou o mesmo nivel que na primeira, si que acudiron novos participantes que gozaron elaborando unha árbore en papel maché.
Uns e outros están convidados a participar nun novo serán que se vai a realizar o vindeiro 29 de xuño. Xa podes inscribirte na biblioteca ou chamando ao tfno. 981 50 99 69.

viernes, 25 de mayo de 2012

VII Encontro coa Arte: Lembrando a Castelao

Un ano máis o Concello de Brión presenta as xornadas Encontro coa Arte, que nesta sétima edición homenaxean a unha das grandes figuras das nosas letras e da nosa arte: Alfonso R. Castelao. Ademais das charlas, coloquios, exposicións, obradoiros de pintura do natural en diversos lugares do concello,  a gran novidade desta edición son os actos que terán lugar na vila natal de Castelao, grazas á colaboración co Concello de Rianxo (A Coruña). O encontro celebrarase os días 1, 2 e 3 de xuño.
Para máis información sonbre o VII Encontro coa Arte: Nova en Infobrion.com

lunes, 21 de mayo de 2012

Feira do Libro 2012

Do 14 ao 31 de maio Brión vai render a súa particular homenaxe ao libro e a lectura. Un ano máis celebrase a Feira do Libro, un evento que cumpre a súa vixésima segunda edición lembrando a figura de Valentín Paz Andrade, no Día das Letras galegas.

A programación deste ano inclúe, como ven sendo habitual, unha variada oferta de actividades para os nenos e mozos dos centros educativos do concello, con conta contos, teatro e espectáculos divulgativos.

::Programación da Feira do Libro 2012::


Do 14 ao 31 de maio:
Exposición Letras Galegas e visitas guiadas á Biblioteca Municipal.

Día 16:
Escola Municipal de Música Magariños programa “A Escola en itinerancia” ás 18:00 h. na Biblioteca.

Día 21:
Cándido Pazó presenta “E outras historias” ás 11:20 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de 1º Ciclo de Secundaria.

Día 22:

A Compañía Baobab Teatro presenta “Contos para un caldiño” ás 12:00 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de 2º Ciclo de Primaria.

Día 23:
Recital Dramatizado con Serafín Marcos sobre a figura de “Valentín Paz-Andrade” ás 11:20 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de 1º e 2º de Bacharelato.

Día 24:
A Compañía Os Tres Tenedores presenta “Ensalada de Instrumentos” ás 12:00 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de 3º Ciclo de Primaria.

Día 25:
A Compañía Casahamlet presenta “As formigas” ás 12:00 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de 1º Ciclo de Primaria.

Día 28:
A Compañía Elefante Elegante presenta “O Aviador” ás 10:30 e ás 12:00 h. no Centro Social Polivalente. Para alumnos de Educación Infantil do CEIP de Pedrouzos e Escolas Unitarias de Os Ánxeles, Bastavales e Luaña.

Día 30:
Contacontos con Charo Pita e Tim Bowley “Contos a dúas voces” ás 11:20 h. Centro Social Polivalente. Para alumnos de 2º Ciclo de Secundaria.

Día 31:
A Compañía Teatro do Miolo presenta “As catro estacións” para os nenos/as da Gardería Municipal.

Decora a biblioteca: divírtete ambientando a sala infantil

A BPM de Brión e o Departamento de Mocidade e Voluntariado convocan para o día 25 de maio un novo obradoiro de traballos manuais destinado a nenos e nenas de 3 a 6 anos de idade acompañados dun adulto. O obxectivo desta actividade é achegar os libros e a lectura aos máis pequenos da casa, mentres coñecen a biblioteca e participan na ambientación da sala infantil coas súas creacións.
A actividade, que se vai prolongar durante unha hora, terá lugar o vindeiro venres ás 17:00 h. na biblioteca municipal. Os interesados xa poden inscribirse chamando polas tardes ao tfno.: 981 50 99 69.

miércoles, 16 de mayo de 2012

A escola en itinerancia: música en directo na biblioteca (Reeditado)

A Escola Municipal de Música Magariños presentou na biblioteca o programa “A Escola en itinerancia”, o pasado mércores 16 de maio ás 18:00 h. Cunha duración aproximada duns vinte minutos, varios grupos de alumnos interpretaron diversas pezas musicais nun concerto que se inscribiu  nas actividades que este ano presenta a Feira do Libro de Brión.

Ver galería de imaxes

lunes, 14 de mayo de 2012

Bookcrossing: Solta de libros (reeditado)


Hoxe iniciamos o programa "Bookcrossing" Solta de libros na BPM de Brión. A actividade consta de dúas partes; por unha banda, a "solta de libros" en diversos lugares de Brión dos que iremos informando nos vindeiros días, por outra, a creación dun "Banco de libros" na biblioteca.

::Banco de libros::

Consiste na creación dun fondo bibliográfico, xestionado dende a biblioteca, con achegas de particulares que queiran emprestar libros de seu a outros lectores. Para participar só hai que ser socio da biblioteca, inscribirse no programa e aportar algún libro que queiramos compartir. O libro é propiedade de quen o empresta e pode recuperalo cando desexe. O centro comprométese a xestionar o seu empréstito a outros usuarios inscritos no programa.

A idea é compartir libros que limos nalgún momento e nos gustaría recomendar a outros lectores. Trátase dun intercambio de libros e experiencias lectoras dentro dunha comunidade que queremos vaia medrando. Xa podes participar inscribíndote na BPM de Brión.

Para máis información, chama ao 981 50 99 69 de luns a venres de 16 a 22 horas e os sábados de 9:00 a 14 horas.

::Solta de libros::

Xa temos o primeiro punto "bookcrossing" operativo. Onde está?...
Os interesados non teñen máis que visitar o recibidor do Centro Social Polivalente de Brión. Nos vindeiros días, iremos informando de novos lugares de intercambio de libros. Mantente atent@.