Biblioteca pública municipal de Brión

Estamos na Carballeira de Sta Minia dende 1989.

Un amplo espazo dominado pola luz

Sala xeral. Estudo, lectura e acceso a Internet.

Para os máis pequenos, un espazo de seu.

Sala infantil, cálida e luminosa.

Unha biblioteca aberta ás novas tecnoloxías

Acceso á información a través dos novos soportes dixitais.

Ven, entra e coñécenos

A biblioteca de todos e cada un.

lunes, 17 de julio de 2017

Música en vivo na Carballeira con Xoán Curiel e a banda Son+de2

O venres 14 de xullo a Carballeira de Santa Minia vibrou coa música en directo de Xoán Curiel e a banda Son+de2 que presentaron en Brión o espectáculo “Estamos no verán”. Un recital que parte do libro-disco do mesmo título, a cargo do músico e a escritora Charo Pita. Unha novela-CD que podes atopar na biblioteca municipal.
O concerto, dirixido a público infantil e familiar, comezou ás nove do serán e prolongouse pouco máis dunha hora, cunha afluencia de público máis que satisfactoria; sobretodo,  tendo en conta as datas estivais nas que se celebrou, onde moitos veciños e veciñas se atopan de vacacións lonxe do concello. Más de 90 persoas, entre nenos e adultos, acudiron a esta entretida cita musical ao aire libre.
Cun guión marcado pola historia que Charo Pita narra no libro, o recital desenvolve, entre peza e peza musical, a historia dun grupo de amigos xusto cando o verán comeza. O seu máis grande soño é formar un grupo de música, entre todos vanno acadar. Mesturando músicas animadas e letras pegadizas, Xoán Curiel e o seu grupo convidaron ao público asistente a participar no espectáculo, cantando e bailando coma un membro máis da agrupación.

Ligazón coa galería de imaxes do recital.

sábado, 24 de junio de 2017

Horarios de verán da biblioteca: mes de xullo

No mes de xullo a biblioteca municipal de Brión adapta as horas de apertura á tempada estival.
Dende o sábado día 1 e ata o luns 31, a biblioteca prestará os seus servizos no seguinte horario: 
Luns a venres:
Mañás: de 10:00 a 13:30 horas.
Tardes: de 16:00 a 20:00 horas.
Os sábados, a biblioteca permanecerá pechada. (Dende o sábado día 1 de xullo)

viernes, 23 de junio de 2017

Estamos no verán!!!, espectáculo de Xoán Curiel para toda a familia

O venres 14 de xullo, a Carballeira de Santa Minia en Brión acollerá o espectáculo de Xoán Curiel “Estamos no verán”. O artista e a banda Son+d2 presentarán este proposta lúdica dirixida a público infantil e familiar, chea de música, historias, danza e coreografías que fan participar ao público e mergullan aos rapaces e rapazas nun soño de verán.
O espectáculo musical baséase na novela-CD editada por Galaxia que narra a historia duns amigos que no verán, queren formar un grupo de música. Un libro no que participa Charo Pita e que está acompañado das fermosas ilustracións de Iván R.
O espectáculo comezará ás 21 h. no antedito espazo, con acceso libre e de balde para todas e todos. Non faltedes!

Chega o verán acompañado dos contos de Celtia Figueiras


A animadora Celtia Figueiras regresou á Sala Municipal de Exposicións para presentar os seus “Contos de verán”, outro divertido serán de “As estacións en contos”, unha serie de catro espectáculos con historias sobre cada unha das catro estacións que compoñen o ciclo do ano.
A actividade, organizada pola BPM de Brión, estivo dirixida a público infantil de entre 3 e 9 anos de idade. O serán contacontos comezou pasadas as 18 h., e estendeuse durante uns 40 min. A asistencia de público non foi tan numerosa coma en anteriores sesións, probablemente debido á coincidencia en data cos festivais de fin de curso dos centros escolares.
Esta actividade contou co patrocinio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.